Carvalho estreou nova poesía tras a guerra en 1945, en La Voz de Galicia

Homenaxeou a Compostela o 25 de xullo, con «O trebo das catro follas»

«O trebo das catro follas», tal e como se publicou o 25 de xullo de 1945
«O trebo das catro follas», tal e como se publicou o 25 de xullo de 1945

SaNtIaGO / LA VOZ DE GALICIA

O 25 de xullo de 1945, na páxina 3 de La Voz de Galicia, Ricardo Carvalho Calero, a figura do Día das Letras Galegas de 2020, publicou O trebo das catro follas. Estreaba así a súa nova poesía, con 15 «cantares», integrados nun poemario máis amplo, de 108 composicións, datado en 1944, que deixou preparado e inédito en vida, e foi exhumado pola profesora Carme Blanco tras a súa morte, con edicións en 1996 e no 2001, na revista Moenia e no volume de homenaxe que lle dedicaron o Parlamento e a USC no ano 2000.

Martinho Montero Santalla, profesor e estudoso de referencia de Carvalho, esclarece que o 30 xullo de 1941, o xornal santiagués El Compostelano difundiu un poema do libro O silenzo axionllado (1934). A publicación en La Voz de Galicia foi a seguinte, e a súa primeira nova, ausente en bibliografías especializadas. Nela diferencia os cantares con números arábigos. Un deles é inédito e os outros están incluídos no traballo divulgado por Carme Blanco, onde utiliza números romanos. As 10 estrofas iniciais do xornal, e a 14, están seleccionadas entre as 31 primeiras do poemario. Montero Santalla destaca que na primeira (O cantar ten catro azas,/ igual que unha volvoreta:/ como ila de xesta en silva,/ así il vai de bulra en festa») compara o trevo das catro follas cos catro versos que conforman a estrutura máis común da cantiga popular; tema ao que dedicará Carvalho un artigo, en La Noche, en 1950. Relaciona o título coa crenza popular de que esta planta é sinal de boa fortuna e felicidade, e asume a dificultade de conseguir a felicidade (O trebo de catro follas/ é fror da felicidade./ Medra en terra de Ningures/ e veno os ollos de Naide». E o cantar 12 (¡Que tivera unha peneira/ pra o teu amor peneirar/ deitar ao vento o farelo/ e coa fariña ficar» non está no poemario de 1944.

No final hai referencias a Compostela, talvez por se publicar no grande Día de Sant-Yago, como figura no título doutro poema, de Emilio Álvarez Blázquez, na mesma páxina, dedicado a esa festividade da actual capital galega. No poemario de 1944, tamén dedica versos a Ferrolterra, non seleccionados para o xornal. 

En outubro de 1930, La Voz informou sobre o histórico discurso de Carvalho Calero co que a Universidade de Santiago inaugurou o curso
En outubro de 1930, La Voz informou sobre o histórico discurso de Carvalho Calero co que a Universidade de Santiago inaugurou o curso

Circunstancias vitais

Montero Santalla advirte que, para entender O trebo das catro follas hai que comprender as circunstancias vitais de Carvalho na altura: «Neses primeiros anos da ditadura franquista, foi máis violenta a represión do uso público do galego e só se toleraba un mínimo cultivo do idioma na poesía popular e na música tradicional. Para Carvalho era aínda máis dificultoso, pois vivía en Ferrol desde 1941, tras saír do cárcere de Xaén, en situación de liberdade condicional, con vixilancia policial».

Valora Montero Santalla -distinguido tamén premio Fernández Latorre, en 1977- que «algúns destes cantares talvez os compuxo na cadea andaluza, pois hai mesmo algunha alusión a ela. E usou outros en obras teatrais, como en O fillo, xa de 1935, ou Isabel, de 1945. Para estes textos teatrais tamén compuxo outros catro cantares, semellantes, non incluídos no poemario de 1944».

Comparación con Rosalía

Carme Blanco salienta a «importancia histórica» de O trebo das catro follas. Destaca o seu «valor antropolóxico» e defende que tamén di moito «da personalidade do seu autor»: lembra Blanco como, cando na década de 1960 ela era alumna do colexio Fingoi, que Carvalho dirixía en Lugo «estimulaba ás nenas no xogo da procura de trevos de catro follas». 

Para Blanco, neste traballo literario «a voz do poeta fala a través da voz popular, como en certa maneira fixera Rosalía de Castro nos Cantares gallegos e como tamén fixera Manuel Leiras Pulpeiro nos seus novos Cantares gallegos dun xeito máis próximo ao do noso autor». Sintoniza tamén con Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, o primeiro libro editado por Galaxia, en 1951, acrecenta.  

Unha cidade fulcral para a actividade política, científica, cultural e persoal

Carvalho Calero chegou a Compostela en outubro de 1926, con 15 anos. O período na cidade, até 1931, marcou a súa actividade política, científica, cultural e persoal, como refire con rigor, pormenor e ampla documentación Aurora Marco en Foula e Ronsel (1910-1941), de recente reedición en Laiovento tras revisar e aumentar a premiada versión anterior. Entre os fitos, centrais na biografía, destaca o ter sido un líder estudantil, elixido para participar por vez primeira cun discurso na inauguración do curso 1930-1931 da USC; e o seu contacto co Seminario de Estudos Galegos, co Partido Galeguista e coa intelectualidade do seu tempo; alén de coñecer a María Ignacia Ramos, quen seria a súa esposa.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Carvalho estreou nova poesía tras a guerra en 1945, en La Voz de Galicia