Ignacio Castro Rey: «A xente está máis vulnerable ca nunca»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O filósofo compostelán presenta este luns «Lluvia oblicua»

12 jul 2020 . Actualizado a las 18:36 h.

Luns 13 • 19.00 horas • Librería Cronopios • O filósofo, crítico de cine e arte, xestor cultural e profesor compostelán Ignacio Castro presenta este luns Lluvia oblicua, que escribiu antes da crise, pero que «agora pode ser máis comprensible».

 -Que é «Lluvia oblicua»?

-Son doce capítulos e cada un deles, en certo modo, encerra todo o libro. Abordan temas moi distintos: as emocións, a memoria, a imaxinación, a intelixencia artificial... e acaba cun dedicado á relixión. Un libro que intenta ver este mundo desde o punto de vista do máis pequeno, polo tanto, ten algo que ver con esta época. É velo atendendo os detalles mínimos, que están tapados polo ruído social, mediático...; atendendo ao corpo do home e da muller, ás tecnoloxías corporais esquecidas ou esmagadas pola tecnodependencia... É como se nos contara ao oído cousas que no fondo sabemos, pero que temos esquecidas polo ruído ambiente; polo tanto, adianta cousas que virían despois porque se fala dun castelo de papel que temos construído co social e tecnolóxico, cando todo o importante ten unha forma moi mínima. Aborda o que non sabemos do home e menos aínda da muller, o que está tapado polos tópicos informativos, polos tópicos sociais, os tópicos políticos...

-Esta crise serviu para decatarnos diso tapado?

-O libro pode ser máis comprensible agora que hai catro meses despois do que veu. Fala constantemente de dimensións do real que temos esquecidas, da potencia persoal que temos esquecida, da potencia muscular que temos tapada, obturada... É un libro quizais máis axeitado agora que hai cinco ou seis meses, cando aínda estabamos un pouco no aire flotando.

-Que é iso tapado que aflorou con esta situación?

-Lluvia oblicua afonda nun montón de ferramentas que o ser humano ten de orde intuitiva, perceptiva, visual, auditiva, muscular..., que están atrofiadas pola prótese social constante que nos cubre. A cobertura cando ocupa toda a vida dun humano é unha prótese que vicia as mentes e os corpos. Este libro está feito desde o outro lado, como se viviramos no ano 1.000 antes de Cristo, porque atende a cousas elementais que non cambian de dez en dez anos, e tampouco de cen en cen.

-Na presentación alúdese a que con este libro achega o que hoxe non aceptamos de bo grado na existencia.

-O ser humano sempre tivo, en certo xeito con razón, un medo á morte e á dor, pero hoxe o umbral de frustración é mínimo, hoxe o medo a afrontar a solas as cousas é tremendo...; e isto déixanos a expensas do experto de turno que, ao mellor, sabe menos ca nós. Hai un desarme moral, fisiolóxico, corporal e mental nesta sociedade, en certo modo, moito maior que hai 50 anos en España, Francia, Estados Unidos ou Italia. Por que? Porque esas proteccións tecnolóxicas e sociais viciaron as tecnoloxías integradas nos corpos. Entón, a xente está máis vulnerable que nunca. Que se veu nestes meses? Unha vulnerabilidade pasmosa da xente; e máis das mentes ca dos corpos. Veuse unha vulnerabilidade social, colectiva e individual.

-É un libro ao que todo o público se pode achegar?

-É un libro que esixe máis coraxe persoal, sensitiva e mental que formación especializada; non é un libro para filósofos, senón para amas de casa, fontaneiros, estudantes..., xente de calquera vivir que tivo experiencias difíciles. Se un pasou ata os 50 flotando de nube en nube, non se vai enterar de nada; pero, se as pasou moradas, é perfectamente comprensible. É máis comprensible para a xente cargada de sentido común, que para a cargada de conceptos especializados.