Xurxo Martiño entrega un cadro do alcalde López Pol ao Concello santiagués

O acto de entrega por parte do pintor vimiancés será hoxe


Atendendo ó encargo que lle fixo o Concello de Santiago, o pintor vimiancés de Caxadas, Xurxo Martiño, fará entrega o hoxe, día 2 de xullo, dun cadro-homenaxe ó exalcalde republicano Raimundo López Pol, que gobernou a cidade de 1931 a 1933.

Raimundo López Pol naceu en Santiago en 1877. De profesión comerciante, foi presidente do Centro Republicano compostelán durante a monarquía (Alfonso XIII) e concelleiro de Santiago desde 1911. Tras as eleccións municipais de 1931, as que levaron á proclamación da República, foi elixido alcalde da cidade pola ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma). En xullo de 1932 convocou en Compostela unha asemblea de municipios de toda Galicia para a elaboración dun proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia. Foi cesado no seu cargo en 1934, cando triunfaron as dereitas nas eleccións do ano anterior. Foi un dos fundadores do Partido Nacional Republicano e presidente en 1935 do comité local santiagués. Nas eleccións de febreiro de 1936 concorreu na Candidatura Republicana de Centro encabezada por Iglesias Corral, mais non resultou elixido. Tras o golpe de estado de 1936 sufriu fortes multas e salvouse de ser condenado a morte polas súas boas relacións coa Igrexa. Estivo exiliado en Cuba tres anos e regresou en 1939. Falecería na súa cidade natal en 1958. Foi pai do pintor Manuel López Garabal (un gran amante das paisaxes de Fisterra, que plasmou en diversas pinturas) e avó do catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel B. López Vázquez.

Martiño encadrou o retrato do primeiro alcalde republicano da cidade dentro dun marco irregular que representa o recinto amurallado de Compostela, no que se adiviñan -sen que se nomeen expresamente- as súas portas de entrada: a da Pena, do Camiño, de Mazarelos, da Mámoa, a Faxeira etc. No canto do marco aparece a bandeira republicana e o inicio do discurso inaugural do 3 de xullo de 1932 da Asemblea preparatoria do Estatuto de Autonomía de Galicia («Santiago chama a todos os galegos a cooperar na obra de redención de Galicia»).

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xurxo Martiño entrega un cadro do alcalde López Pol ao Concello santiagués