Farruco: «A historia destas persoas acabou por ser unha inesperada autobiografía»

JOEL GÓMEZ SANTIAG0 / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Relata vivencias con máis de 30 figuras históricas, entrañables e bohemias da cidade no libro «Eles e mais eu. Compostelaneando»

17 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xosé Luís Bernal, Farruco, príncipe da picheleiría, fainos rir, tíranos a máscara da solemnidade e obríganos a recoñecernos no humano»: así conclúe Suso de Toro o anteloquio de Eles e mais eu. Compostelaneando, libro de recente edición en Galaxia. As súas 130 páxinas relatan vivencias, historias e experiencias con máis de 30 célebres persoas da cidade, algunhas de relevancia histórica, outras «entrañables, bohemias, disparatadas», refire Bernal. Axuda a coñecer mellor a Modesto el Churrero, Villafínez, o cardeal Quiroga Palacios, Alfredo o Capón, El caballero Andrés, o señor Carral, Iván Merlo, don Antonio o Pingaxusta, Pepe Lamas o Peitiños, Ricardiño Nouche, Franco del Carro, Bretón, Maruxa e Coralia Fandiño (As Marías), Mestre Secundino Pedreira, Nonito (o «Mendigo das bandas»), o Poeta da Maía (Maximino Castiñeiras), o Cholas (José Manuel Lamelo), Luís Mariño, Manuel Fraga Iribarne, Pedriño el Moro e Juanito o Ferruxe, Alfonso Cabanas, Juan Carlos Lema (Zapatones) e «personaxes sinistros». Con eles, seu pai, súa nai, seu irmán Diego (a quen dedica o libro) e el mesmo e Farruco.

«Quería escribir unha historia de personaxes de Compostela, e a historia destas persoas acabou por ser unha inesperada autobiografía, porque segundo ía contando vivencias vin como estaba tan achegado a eles, son unha serie de vidas unidas todas pola miña propia biografía», explica.

Xosé Luís afirma que son persoas «dunha cidade doutro tempo, máis familiar, máis entrañable, máis aldeá; como dicía Otero Pedrayo, a aldea máis grande de Europa. Agora Compostela é máis cosmopolita, máis universal, e estes personaxes foron devorados polo progreso».

Estas vivencias comezan «desde que nacín, na rúa do Vilar. Entre as miñas primeiras lembranzas está Modesto, o churreiro, a quen escoitaba polas mañás “churros calientes para las mujeres que no tienen dientes”», e finalizan con Zapatones, o peregrino a quen deu o último adeus en maio do 2015 nun camposanto de Camariñas. Polo medio, as irmás María e Coralia Fandiño -«fun dos poucos privilexiados que entrou na súa casa, na rúa Espírito Santo, cando morreu María»-, Bretón -«o tolo máis cordo que coñecín», interno do Psiquiátrico de Conxo-, personaxes das tabernas como o Ferruxe ou o Pingaxusta, Franco del Carro -quen tamén asinaba como Joe Franco as súas esperadas e impactantes mensaxes «en toda canta superficie había por Compostela» ou Iván Merlo, que interpretaba o escobichémbalo e que tivo unha triste morte pouco despois de anunciar que ía tocar coa Sinfónica de Boston. Recoñece a súa gratitude cara ao cardeal Quiroga, «con quen tiven unha situación moi especial, porque me librou de pasar sete anos nun pelotón disciplinario en El Aaiún», e fala de Manuel Fraga, «con quen tiven concordias e discordias». E tamén da moción de censura a Fernández Albor, ou dun célebre escaparate sobre o papel hixiénico que fixo en 1981 en El Yunque, que provocou polémica en xornais de Madrid e Barcelona e que finalizou «cun acertado veredicto de La Voz de Galicia», di.

Unha escena cervantina con Luís González, Foz; os primeiros aplausos e outras referencias que non esquece do Teatro Principal; a organización do festival de bandas de música nas festas da cidade; o seu papel como rei Melchor durante anos; conflitos diversos; a memoria de «tanto amor e tanta bondade», como se refire a súa nai, e dun home «benquerido, respectado, bo e xeneroso, pero coas súas contradicións e cos seus sentimentos e debilidades», como presenta a seu pai; todo isto e moito máis fan deste libro un singular e valioso testemuño de case oito décadas de vida.