Arquitectos e enxeñeiros dos camiños

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

SANTIAGO CIUDAD

Proposta de intervención no Campo de Conxo
SALGADO E LIÑARES

24 may 2020 . Actualizado a las 19:21 h.

Hai cidades galegas cun destino singular vinculado ao Atlántico. Outras asómase aos meandros dun gran río, o Miño. Compostela é un crisol de rutas terrestres e marítimas de Europa, da cultura máis ecuménica.

Os Camiños de Santiago levan feitos máis de mil anos e a acción antrópica foinos modelando. Non necesitan ser inventados nin que os poñan bonitos. Hai que deixalos discorrer polo rural, sen bancos, farois nin papeleiras; que o seu paso polos núcleos tradicionais sirva para dotalos de servizos e incrementar o seu patrimonio, sen enchelos de elementos decorativos ou arquitecturas impositivas. Non hai que esculpir a natureza, senón deixar oco para que emerxa, é preferible diluír as pegadas, que sexan reversibles. Cando entran nas cidades, os camiños están chamados a rexenerar, ao servizo dos seus habitantes e dos peregrinos, uns espazos comunitarios moitas veces descoidados.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a realizar un conxunto de intervencións na entrada dos camiños en Compostela con motivo do Ano Santo e do Xacobeo. Son actuacións a escala rural, de barrio e cidade, que traen da man operacións como a remodelación do Campo de Conxo, realzando o esplendor do mosteiro e ampliando o ámbito sociocomunitario. No Monte do Gozo intervénse para restituír o carácter dun dos lugares máis significativos do espírito europeo, retirando artefactos e facendo suaves ramplas paisaxísticas que facilitan o uso peonil, para logo descender cara á cidade e enlazar nunha gran praza cos barrios das Fontiñas e os Concheiros, cunha decidida aposta pola mobilidade humanizada. Ou a comprometida integración do seu paso por un polígono industrial prestando atención ao poderoso argumento da área funeraria de Boisaca. As intervencións formúlanse cunha mirada ampla que se proxecta máis alá da traza física da senda, porque a arquitectura é unha mestura equilibrada entre pensar, debuxar, crear, construír e compartir. É así como emerxe a súa capacidade de transmitir á sociedade pautas moralizantes.

Os problemas son diversos: infraestruturas, mobilidade, calidade ambiental, de aí a alianza, nun clima de cooperación, entre arquitectos e enxeñeiros ao servizo dos camiños, con escalas de traballo distintas que conflúen en operacións de paisaxismo práctico, pasando da protección normativa á acción patrimonializadora. Por que habemos de ter medo a crear hoxe o patrimonio de mañá? Todo isto non sería posible sen un proceso de concertación entre administracións, como a Xunta de Galicia e o Concello adoitan facer en Santiago de Compostela.