Ricardo Parada: «A música vai ser en rúas e terrazas; cheguei a tocar a 4 graos baixo cero»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Ana Garcia

O artista ofrece todos os martes un concerto en directo a través do Facebook

16 may 2020 . Actualizado a las 09:35 h.

Despois de 25 anos poñendo banda sonora ás noites dos martes do pub Momo en Compostela -ultimamente a cita era dunha vez ao mes-, a música en directo de Ricardo Parada segue chegando a pesares das restricións pola alarma sanitarias na mesma xornada, aínda que con horario diferente e dun xeito distinto: agora os concertos son a partir das 18.00 horas e a través do Facebook. «O primeiro día estaba mirando a cámara do móbil e dicía: ‘Onde me metín’. Pero sabendo que a xente está, arriscas como o fas nun bar nunha actuación normal. É como unha videoconferencia sen ver eu a ninguén», explica o intérprete, que ofreceu o seu último concerto en vivo o 6 de marzo en Boiro e, polo de agora, aínda non ten data para o regreso, xa que está pendente de que finalmente poidan celebrarse algunhas das actuacións que tiña previstas.

Como xurdiu esta iniciativa de todos os martes un concerto? «Tiven que mudarme hai un ano a vivir a Marín para estar preto da miña nai. Entón, ante a imposibilidade de apuntarme a voluntariado, a idea é contribuír a animar un pouco á xente e a que se visen outras cousas que non fosen unicamente críticas, críticas e críticas», contesta o artista. A resposta do público foi moi boa, con máis dun millar de mensaxes nalgunha das citas durante os días de confinamento. Uns comentarios que acostuma a ler ao día seguinte e a respondelos: «Só podo definir o que a xente me manda cunha palabra: abraiado. Síntome abraiado polo que che devolve a xente por cantar. Estou encantadísimo, agradecidísimo». Para Ricardo Parada, estes concertos a través do Facebook tamén son un xeito de «seguir activo no traballo». Nese senso, indica que á hora de executalos na súa casa «tiro de memoria de comportamentos, de reaccións da xente; e penso, ‘aquí estarían dicindo que falo moito entre os temas, aquí toca unha máis de Sabina ou de Silvio...’». Durante os martes, o seu obxectivo foi repetir o menor número de temas posibles, aínda que afirma que procura responder ás peticións do público. «Hai un debate entre a xente máis de Silvio Rodríguez e a de Sabina. Está moi igualado. Eu despois meto o que quero sempre intentando cumprir coa xente. E en medio de Sabina e Silvio inclúo cancións de Víctor Jara, Atahualpa Yupanqui, do Xabarín... Facemos unha mestura estraña, pero eu pásoo ben, e sei que se eu o paso ben, o 90 % do traballo xa está feito».

Esta semana, ao rematar o concerto en Facebook, anunciou o regreso o vindeiro día 19 e despois valorará a continuidade desta cita, que estivo combinando con outras colaboracións con colectivos durante este tempo, así como cun traballo cun centro educativo de Marín con motivo do Día das Letras Galegas.

Por outra banda, Ricardo Parada ve o futuro «negro porque os músicos do bar somos os últimos do escalafón sempre», tanto que onte comentaba que se está preparando tamén para buscar outros traballos alternativos. «Se non podo traballar da música terei que buscar outro xeito», afirma. Para el, o futuro dos concertos en vivo está nas actuacións ao aire libre. «Unha das solucións para a música en vivo é tocar na rúa e aí a xente si que pode estar a distancia; nas rúas e nas terrazas, pero para iso vai depender moito da posibilidade de amplialas». E no inverno? «Eu teño tocado a catro grados baixo cero en Melide cunha estufa de butano dándome calor por diante e nas costas moito frío... En inverno teño tocado en terrazas máis dunha vez. Iso si, se chove, adeus», responde. Ricardo Parada considera que «hai moita xente pasándoo o mal nestes momentos e os músicos non somos especiais; o da renda básica universal vai cubrir máis cousas que loitar por algo gremial»..