Xesús Rodríguez: «Esta situación tan grave serve para ver como hai outra escola posible»

O profesor da USC e director da «Revista Galega de Educación» afirma que o teletraballo preocupa máis a quen seguen unha metodoloxía tradicional


santiago / la voz

«Ninguén podía contar con que se puidesen pechar os centros de ensino por unha situación coma esta do coronavirus, estamos perante un imprevisto histórico, que colle moito de sorpresa. Porén, cos soportes dixitais que temos, telemáticos, e traballando a distancia e coordinadamente, temos posibilidade de manter o alumnado na casa desenvolvendo determinadas propostas e alternativas. Temos un alumnado moi formado nas novas tecnoloxías, e iso debe posibilitar traballar na casa determinados temas e contidos», afirma Xesús Rodríguez, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC e dirixente da Asociación Internacional de Investigación sobre o Libro de Texto e os Materiais Didácticos, cando se lle pregunta pola suspensión das aulas.

«Esta situación tan grave serve para ver como hai outra escola posible. Non podemos depender dun único recurso, dun único libro de texto; entendo que existen recursos para establecer a comunicación entre docentes e alumnado e poder manter con certa dignidade o ensino durante os próximos días. Quen van ter unha maior preocupación, por exemplo polo teletraballo, van ser quen defenden unha metodoloxía máis tradicional, con contidos memorísticos. O certo é que non podemos estar falando de educación para a vida, de convivencia, e ter o alumnado saturado de exames tradicionais. Por iso entendo que se pode aproveitar esta situación tan de extrema gravidade para pensar un proceso de aprendizaxe do alumnado que responda á realidade da sociedade actual», acrecenta.

Xesús dirixe desde o ano 2005 a Revista Galega de Educación. O seu último número, o 75, ten como tema «A nova escola hoxe». Inclúe análises e estudos de docentes e outros especialistas de Galicia, doutras comunidades de España e internacionais, e incorpora contribucións de sindicalistas e ANPAS. Parten de experiencias históricas, como as de Ánxel Casal e Apolinar Torres, para tentar renovar a escola galega, e chegan á actualidade. Xesús Rodríguez e Antón Costa asinan un texto conxunto que conclúe coa afirmación de que «a educación segue a ser unha poderosísima arma pacífica de construción do futuro querido, ao servizo das persoas e ao servizo da sociedade no seu conxunto».

Xesús esclarece que «fixemos un número así, especial, para facer un balance, unha radiografía de experiencias educativas que buscaron traballar desde a proximidade, desde o medio, e de ideas como a de cidade educadora. Valoramos iniciativas como diferentes plans relacionados coas tecnoloxías, o Proxecta para promover a innovación educativa, o fomento da lectura, o traballo nas bibliotecas escolares, diferentes recursos para o profesorado, a renovación pedagóxica, os núcleos de traballo, o sindicalismo, a organización de encontros en diferentes ámbitos ou a aparición de novas profesións, destacando este estas o papel dos educadores sociais, que contribúen para unha escola máis inclusiva. Tamén abordamos as dotacións, normativas e proxectos, o protagonismo dos Concellos ou avances e retrocesos no uso da lingua, entre outros temas», afirma.

Xesús Rodríguez salienta que «a educación ten que saber responder aos desafíos que enfronta a sociedade. Hoxe temos unha sociedade dixital, que se vai caracterizar pola imprevisibilidade do que vai acontecer. E para dar resposta a iso necesitamos un currículo interdisciplinario, que aborde desde diferentes puntos de vista e complementarios a situación social. Tamén necesitamos reducir a visión utilitarista da escola e avanzar para unha sociedade democrática, con autonomía docente e nunha escola aberta ao medio e que saiba atender ben a diversidade da sociedade actual», manifesta.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Xesús Rodríguez: «Esta situación tan grave serve para ver como hai outra escola posible»