Héctor Cajaraville repasa a biografía de Carvalho Calero incluíndo pezas teatrais

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

O último traballo do escritor compostelán achega aos máis novos a figura do homenaxeado polas Letras Galegas

14 mar 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

Achegar á rapazada a figura do homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas é o obxectivo de Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso (Xerais), do escritor compostelán Héctor Cajaraville, que xa o ano pasado fixera o mesmo con Antonio Fraguas. Pero non é un repaso pola súa traxectoria ao uso. «Quería que fora unha biografía de Carvalho Calero con algo máis», asegurou o autor. Así que, entre capítulo e capítulo narrando os feitos máis destacados, incluíu pequenas pezas teatrais sobre momentos máis transcendentais da súa, como puido ser o momento da morte da súa nai cando era pequeno, a Guerra Civil, a xubilación ou a propia morte. «Nesas pequenas obras fago unha recreación que non é nada verosímil, senón para que haxa algo máis que unha biografía», afirmou.

Hector Cajaraville asegurou que, polas características da súa traxectoria, Carvalho Calero non é unha personaxe fácil de achegar á rapazada, xa que este libro está orientado dende estudantes de quinto de Primaria ata terceiro da ESO. «Non é unha personaxe que se venda a si mesmo, non escribe máis que puntualmente cousas que lle poidan interesar aos rapaces. Ademais, pola biografía, non é fácil para alguén desa idade», dixo. Por iso, optou por introducir esas pequenas pezas teatrais, unha ferramenta que tamén se poderá empregar nos centros escolares.

No título da biografía, alúdese á pegada do compromiso, por que? «El deixou moitas cousas que serviron para os que viñeron despois, esa pegada, esas cuestións nas que el foi pioneiro: a gramática, a historia da literatura..., todo iso que ninguén fixera ata ese momento. E o compromiso, indubidablemente. É en moitos sentidos, como o de tirar da normativa do reintegracionismo. Ademais, el era un autor literario, xa que escribiu libros en todos os xéneros —poesía, narrativa, teatro, relatos...— e, polo seu labor académico, por facer esas cousas pendentes en galego, renunciou en parte a súa obra literaria, a ser un escritor máis recoñecido. Moitos anos da súa vida en vez de estar escribindo o que el quixera, o que fixo foi cubrir eses ocos que tiña a lingua galega», destaca Héctor Cajaraville.

Libro de literatura infantil

O escritor compostelán asegurou que a súa próxima obra será, seguramente, unha obra infantil. «Síntome moi a gusto neste tipo de literatura», afirmou Cajaraville.