Cinco maneiras complementarias de traballar pola igualdade desde a base

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

MARTINA MISER

Cada chanzo da educación precisa dun enfoque particular, e da posta en marcha de ferramentas prácticas

08 mar 2020 . Actualizado a las 20:38 h.

«Síntome unha insignificante pinga», declara María Victoria Castañeiras, a directora da Escola Infantil Municipal de Vilagarcía cando a concelleira de Igualdade, Tania García, traslada no coloquio o seu «agradecemento a tantos docentes implicados, en distitantas etapas educativas, que traballan e defenden a igualdade», empezando polos catro cos que comparte mesa. «Pero ao mesmo tempo, somos imprescindibles», matiza Paloma García ao comentario de Castañeiras, «o que non lles digamos nós aos nosos alumnos, non llelo vai dicir ninguén».

Escola Municipal Infantil

«Unha volta de torca todos os anos». Esa é a premisa do centro de educación preescolar vilagarcián en cada curso, idear novas propostas encamiñadas a poñer o seu gran de area na educación en igualdade, «porque a min nunca me parece suficiente o que estamos a facer», conta a súa directora. A grabación dun vídeo, merecente dun dos premios ao fomento da igualdade do Concello de Vilagarcía, está entre as iniciativas da escola que dirixe María Victoria Castañeiras. No día a día, conscientes da importancia dos xoguetes na construción da identidade, foméntase o uso por parte dos nenos de pranchas, de aspiradoras, da vasoira e do recolledor, para que entendan desde os 0 anos que non hai tarefas nin roles de mulleres, e de homes.

colexio de vilaxoán

Un non proxecto do máis completo. «Este año no tenemos un proyecto hecho. Pero bueno, hacemos muuuchas cosas. Porque la igualdad no solo es cosa del 8 de marzo y el 25 de noviembre -Día Internacional contra a violencia de xénero-», di Dolores Miramontes. A súa última iniciativa, o obradoiro Viva las uñas de colores, que conseguíu que case o 100 % do alumnado do centro pintara as unllas, ou outro de beleza, «una vez al mes con los Sextos, para trabajar la autoestima, tanto para hombres como para mujeres, porque la presión está ahí para todos», comenta a docente.

instituto castro alobre

Traballo en todas as frontes. Profesora de Igualdade en Primeiro da ESO e en Primeiro de Bacherelato, Paloma García declara que «tiven a sorte de que cando cheguei hai dez anos ao centro, xa había xente traballando en Igualdade». Hoxe lidera un profesorado moi implicado na materia, e desde hai tres anos é a responsable do grupo de apoio ao alumnado LGTBI do instituto; cando comezou só había tres en Galicia, recorda, agora «hai polo menos 30». A última mostra da importancia dun grupo como o seu visualizouse hai unha semana, cando, relata García, «tiven que intervir porque unha alumna me pedíu que falara coa súa familia, porque lle estaban facendo a vida imposible porque tiña unha parella chica. Nas aulas, como en calquera grupo social, dáse por feito que todo o profesorado é heterosexual, que todo o alumnado é heterosexual, porque si». Polo que respecta ao seu rol de docente, «en Secundaria é máis difícil, pero tamén máis satisfactorio cando consegues facer que os chicos se decaten de que eles tamén son vítimas do sistema patriarcal, pero non o saben; no momento en que empezan a analizar que a súa vida pode ser moito máis sana sen competir, sen facer o besta».

universidade

Formando os futuros educadores. «Tiven a sorte de estar con precursoras no eido da formación da igualdade de xénero en Galicia, e de poder ler libros feministas cando en Galicia case ninguén o estaba a facer». Jorge García comezou a dar clases como profesor de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela no ano 1990, centrado xa na igualdade. Hoxe é profesor nos graos de Infantil e de Primaria de Facultade de Ciencias da Educación -antiga Maxisterio- da materia troncal de Socioloxía da Educación, e dunha materia optativa de cuarto curso de Identidade de Xénero, que axudou a introducir no programa da USC, e que «ten unha matrícula moi alta». Igual, engade Jorge, que o único master oficial de Educación, Xénero e Igualdade en Galicia, no que tamén traballa, repartindo ademais o seu tempo no CIFEX, o Centro de Investigacións Feministas e Estudos e Xénero. Ocupacións que o dotaron dunha bagaxe que dá pé a chamadas como a dun concello que contou con García para «unha actividade moi bonita con avoas e con estudantes de ESO. Eu», lembra, «levaba unhas preguntas para xerar diálogo. E unha delas era sobre as súas expectativas de vida. Ningunha rapazas dixo que era casar, nin ter fillos. Todas as avoas recoñecían que ás súas idades esas eran as súas expectativas de vida. Vexo que hai conquistas que non teñen volta atrás», opina Jorge, pero tamén que «tampouco hai que crer que todo está conseguido».

concello de vilagarcía

Nexo entre as iniciativas dos centros educativos. «Grazas ao CIM -Centro de Información á Muller, dependente da Concellería de Igualdade- existe unha rede de conexión entre todos os centros escolares de Vilagarcía», subliña Paloma García desde o Castro Alobre. Tania García, concelleira de Igualdade desde hai 5 anos, conta que «temos un equipo que leva moitos anos traballando no CIM, e sempre coa premisa de promover ese traballo cos centros educativos. Co premio de igualdade na escola. Traballando coas nenas e cos nenos, pero tamén co profesorado, con obradoiros do CIM nos propios centros, e cunhas xornadas o ano pasado sobre diversidade afectivo-sexual nas aulas, con moi boa acollida».