José Manuel Ortigueira: «O elemento fundamental do Camiño de Inverno é a xente que traballa nel»

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

Director do proxecto «Camiño de Inverno. De Ponferrada a Santiago» e autor das fotografías, retratou ás «heroínas e anfitrións» da senda xacobea

27 feb 2020 . Actualizado a las 11:04 h.

José Manuel Ortigueira Bobillo (Rairiz de Veiga, 1960) dedícase aos fondos de capital risco, pero este ourensán -afincado en Santiago dende hai 35 anos- leva tamén traballando dende hai tempo no desenvolvemento de actividades culturais e sociais. Fundador e presidente do Ateneo de Caldas de Reis (terra paterna), impulsou distintas propostas divulgativas, literarias, teatrais, audiovisuais, plásticas e fotográficas. A última delas, Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela preséntase este sábado na capital galega. Trátase dunha exposición itinerante que percorre a senda xacobea deténdose tanto nos recursos patrimoniais coma nos humanos «e prestando especial atención á economía rural e social», indica Ortigueira, director do proxecto e autor do medio cento de fotografías que compoñen esta mostra organizada e promovida por Alumni USC.

«O elemento central do proxecto é un mapa do percorrido, onde figuran os recursos patrimoniais (pontes, pazos, castelos, igrexas, mosteiros...), lugares únicos, e o que denominamos como anfitrións e heroínas do Camiño, que son os que traballan no seu desenvolvemento. Eles son os verdadeiros protagonistas da exposición: representantes das asociacións do camiño, guías, xestores de albergues, relixiosos, comunicadores, artistas...», explica Ortigueira. Un deles, Francisco Javier Almuíña Chorén, guía invidente da Ribeira Saca e zanfonista da Casa do Romualdo, actuará na inauguración da exposición.

O proxecto comezou a xestarse hai catro anos, cando a asociación de antigos alumnos da Universidade de Santiago (Alumni USC) asumiu o reto de percorrer a ruta pola que optaban moitos peregrinos para evitar os montes nevados do Cebreiro. Ortigueira formaba parte dese grupo de oito persoas e de aí naceu a intención de facer unha homenaxe a «esas persoas ás que lles debemos a promoción desta senda de más de 250 quilómetros», sinala.

Co respaldo económico da Consellería de Turismo e do Xacobeo 2021, comezou a tomar forma este Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela. Conta con cofinanciamento privado e coa participación, ademais, do Ecomuseo Pazo de Arxeriz e do Museo Etnográfico de Quiroga, «que xogan un papel moi relevante nesta mostra, aportando pezas e obxectos das súas colección».

Hai, explica Ortigueira, unha intención didáctica detrás do proxecto, no que busca poñer en valor «un itinerario aínda descoñecido pero singular, o único sendeiro que percorre as catro provincias galegas, que atravesa un xeoparque e dúas denominacións de orixe vitivinícolas, as de Valdeorras e Ribeira Sacra. Isto entronca coa idea dos lugares únicos, esas paisaxe e sitios emblemáticos e moi coñecidos dos que hai que falar, coma son as Médulas de Carucedo, Belesar no outono, Valdeorras e Penatrevinca ou Montefurado en Quiroga, referencia galega na produción de olivas e aceite e exemplo desas aldeas que son fonte de desenvolvemento rural. Pero o elemento fundamental do Camiño de Inverno é a xente que traballa nel, esas heroínas e anfitrións de entre os trinta e pico ata os 87 anos, aos que retratei no seu lugares de referencia ou cos elementos que máis aprecio lle teñen», indica.

Ortigueira repara tamén nos lugares pequenos, como Éntoma (Valdeorras), Margarida de Lor (Quiroga), Penasillás (Chantada) ou Diomondi (O Saviñao), «e queremos que todos os galegos e persoas que pasen pola exposición entendan que esta é a realidade rural e social a desenvolver». A mostra fará escala na Casa da Cultura de Monforte de Lemos en abril e unha selección das obras estará no mercado de La Galiciana (Santiago) en maio, ademais doutras paradas que se vaian concretando de aquí en diante.