Recoñecen ao doutor García-Sabell como abandeirado da menciña galega

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Xoán A. Soler

A Irmandade da Sanidade rendeulle homenaxe cun acto académico e o descubrimento dun busto en Santiago

15 feb 2020 . Actualizado a las 18:02 h.

Domingo García-Sabell (Santiago, 1909-A Coruña, 2003) foi escritor, presidente da Real Academia Galega e delegado do Goberno. Pero onte a Irmandade da Sanidade Galega (Isaga), integrada por persoal do sector público e privado así como por profesionais da docencia, recordou na súa novena asemblea ao doutor compostelán, nunha xornada que recoñeceu o que representou na menciña e o seu labor ensaístico en lingua galega, nuns tempos nos que era unha excepción.

A homenaxe, que tivo lugar na súa cidade, comezou co descubrimento dun busto feito polo escultor José Molares e instalado na rúa Domingo García-Sabell, que a partir de agora ollará cara a vella Facultade de Medicina. Alí estiveron presentes autoridades, profesionais da sanidade, familiares e amigos. A continuación tivo lugar un acto académico no pazo de Fonseca. Nel interviñeron a súa filla, Teresa, en nome da familia; Xoaquín Monteagudo, presidente da asociación Funcionarios para a Normalización Lingüística (entidade na que se integra Isaga); Pablo Vaamonde, ata hai pouco coordinador da irmandade; Flora Miranda, nova coordinadora da mesma; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xosé A. Bugallo, alcalde de Santiago; Antonio López, reitor da USC; e o profesor Ramón López Vázquez, encargado da laudatio coma experto no homenaxeado.

Monteagudo definiu ao intelectual compostelán que foi doutor de Valle-Inclán nos seus últimos anos de vida coma «un home bo e xeneroso», un «orador excepcional» e «un xenio». Para Vaamonde, a incorporación de García-Sabell como irmandiño de honra «era absolutamente necesaria». E afondou nesta idea López Vázquez, autor do libro Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía, impulsado polo Centro Ramón Piñeiro e a Consellería de Cultura, que con motivo da homenaxe sacou unha segunda edición da publicación revisada e aumentada.

López Vázquez celebrou un memorial que «servirá para recordarlles ás xeracións futuras polo menos tres datos sobranceiros na historia desta milenaria cidade: a primeira, que en Compostela existiu unha Escola Galega de Medicina, que García-Sabell pretendía continuar [...]; que o doutor sabía moito de enfermidades, pero tamén de enfermos e sobre todo de enfermos galegos [...], coñecedor da psicoloxía dos galegos, xa enfermos ou xa sans; e que Compostela sempre foi espello como cidade relixiosa e universitaria no que Galicia se mirou e segue a mirarse».

De aí, dixo o profesor, era de xustiza pór nun espazo público un busto que recordará un «importante capítulo da historia da menciña en Galicia». A escultura de Molares, reparou, ten «moita e despexada cabeza, moito e afoutado peito», retratando a mente «privilexiada» que o intelectual «puxo a servizo da causa galega, sempre coa idea de poñela en hora coa europea», así como «a personalidade varuda» do compostelán, que «nunca lle deu ás costas a un proxecto cultural, por máis custoso que fóra».

Teresa García-Sabell falou do veciño de arraigado compostelanismo, que recorreu toda Galicia visitando aos doentes e que fixo a carreira de Medicina «pola curiosidade de coñecer o funcionamento do organismo humano e para axudar á xente que máis o necesita». Contou que a etapa máis dura do seu pai foi a que pasou no campo de concentración de Lavacolla, onde non lle permitían subministrar medicación aos doentes e como este home de espírito positivo tratou de sacar un lado bo refuxiándose na lectura, na investigación nos amigos, entre os cales estaban Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Ánxel Fole e tantos outros intelectuais que «lían os seus orixinais na casa, recitaban poesías ou contaban contos».

Vaamonde subliñou na súa intervención que un piares fundacionais da Isaga é, precisamente, o impulso da lingua galega no ámbito da sanidade, partindo do seu emprego na relación cos doentes e usuarios. «Non vivimos momentos moi positivos» neste empeño, dixo, o que «nos obriga a actuar con resistencia» para defendelo. E a nova coordinadora da irmandade incidiu en que no campo da sanidade «a comunicación é vital e non pode haber mellor comunicación que cando falamos unha lingua común», ao tempo que manifestou a súa intención de reforzar a Isaga con «xente nova que fale de futuro».

Acto seguido, tivo lugar o nomeamento de máis de vinte novos irmandiños, vinculados á xeriatría, menciña familiar, oncoloxía, enfermaría, inspección sanitaria, botica e urxencias, entre outros campos. Todos eles, residentes ou veteranos, referendaron o seu compromiso co emprego do galego na súa actividade profesional.

José Manuel Casares e María Lestón falaron en nome dos novos irmandiños, que dende agora se prestan a combater o «síndrome da bata branca», unha prenda ante a que moitos galegofalantes mudan de lingua de forma automática e pasan a expresarse «nun castelán forzado». «Os novos irmandiños cumpren unha función esencial para espallar o galego nun ámbito onde non é falado», destacou Valentín García.