O número «fantasma» da revista Nós ten un irmán xemelgo na cidade

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Un exemplar do volume que non se distribuíu foi gardado por Leuter González Salgado

26 ene 2020 . Actualizado a las 13:15 h.

Como acontece con todas as publicacións o percorrido das mesmas remata por ter zonas de sombra e etapas difíciles que rachan a periodicidade do encontro das mesmas cos lectores e, ao cabo, marcan a súa desaparición. A revista Nós non foi unha excepción e logo da etapa de esplendor dos primeiros tempos tivo anos de crise -coa edición de poucos números ou mesmo de varios nun só volume- e de suspensión da súa actividade.

A edición histórica do primeiro número o 30 de outubro de 1920 -data simbólica que está na orixe das celebracións do centenario da publicación que se conmemora durante todo este ano- abriu o camiño a un percorrido que remataba en 1936, data da desaparición da revista Nós. Ata aquí todo correcto, aínda que como acontece con todas as iniciativas e proxectos senlleiros, tamén este ten o seu relato mítico -mesmo simbólico- vencellado á derradeira entrega que non chegou a ser tal.

A lenda de Ben-Cho-Shey

Aínda que Nós mantivo en todo momento a Ourense de centro de operacións e espazo de referencia como sede da revista, a impresión da mesma fíxose por diferentes puntos de Galiza: comezou na ourensá de orixe e rematou, logo de pasar por A Coruña, en Compostela. Nesta cidade era a imprenta de Ánxel Casal o lugar onde se tiraban os exemplares e a relación deste coa esquerda rematou por custarlle a vida: o militante do Partido Galeguista e alcalde de Santiago foi asasinado polos fascistas e o seu corpo apareceu nunha estrada de Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936.

Días despois do golpe de Estado do 18 de xullo os falanxistas entraron na de Casal e prendéronlle lume á imprenta. Alí estaban os exemplares de Nós que agardaban para ser distribuídos e sempre se contou que Ben-Cho-Shey pasou a tempo de salvar un dos volumes, e que o mesmo formaba parte da súa colección. Como se puido comprobar co tempo -o legado de Ben-Cho-Shey forma parte dos fondos da Biblioteca da Deputación- a lenda era certa e alí está o exemplar fantasma da revista Nós: o volume cos números 139-44 que nunca se chegou a distribuír nin a remitir aos subscritores.

Aínda que o número de Ben-Cho-Shey non está só e preto da biblioteca provincial sobrevive outro exemplar -en bastantes mellores condicións que o do mestre e investigador- que foi gardado durante décadas por un dos homes de Nós: Leuter González Salgado.

Xosé Lois Carrión, neto do militante do Partido Galeguista que era tenente de alcalde na corporación de 1936 co asasinado Manuel Suárez, lembra que a revista estivo sempre na colección familiar. «Recordo de velo na casa dende pequeno e a colección da revista Nós, creo que só faltan catro ou cinco números, acompañou á nosa familia nas sucesivas mudanzas. Como estaba afeito a miralos e a ler o que saía alí tampouco lle das importancia nin reparas niso. Ata que un día escoitei comentar o do número de Ben-Cho-Shey, e cando vin como era o único que dixen é que ese tamén o tiña eu».

Afonso Vázquez-Monxardín -responsable da mostra central do Centenario de Nós, que se abrirá en maio no Gaiás, e interlocutor de Carrión cando fixo a súa afirmación categórica- pagará a súa incredulidade convidando a unha cea ao posuidor da revista. «Dixo que non podía ser e que estaba errado, tróuxenllo e temos pendente a cea».

Carrión lembra a xestación do volume que forma parte da lenda: «A revista estaba xa pechada dende finais de 1935, o que ocorre é que Nós pasaba por unha mala situación económica e non había cartos para distribuíla nin para mandarlle ás persoas que figuraban como subscritores. Daquela estaba almacenada na de Ánxel Casal, quen ao ser unha persoa significada e tirar na súa imprenta os panfletos e outras publicacións dos partidos de esquerdas, rematou por ser obxecto de represalias, coa queima do taller e o seu asasinato».

Unha entrega que daba conta da homenaxe da asociación de escritores ao editor

O número 139-44 mantén o esquema da última etapa da revista e os seus tres nomes de referencia: Vicente Risco como director literario, Alfonso R. Castelao como director artístico e Ánxel Casal como administrador. A dirección e redacción estaba no número 47 da ourensá rúa de San Domingos e a administración no 20 da rúa das Hortas, en Compostela. O volume está datado en «Xulio-Nadal de 1935» e abre o sumario da derradeira entrega de Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega a referencia do «conmovido homenaxe» da Asociación de Escritores de Galicia a Ánxel Casal Gosende «xerente desta revista, fundador da Editorial Nós; editor patriota, intelixente e xeneroso, que botóu nas oito enfilacións dos ventos, co novo renacimento das nosas letras, as óptimas sementes do rexurdir da Patria».

De Iglesias Alvariño a Otero

Nas 208 páxinas figuran artigos ou colaboracións asinados por Serafín Ferro, Augusto María Casas, Outeiro Espasadín, Fermín Bouza-Brey, Aquilino I. Alvariño, Modesto López Teixeiro, Gonzalo López Abrente, Francisco Fernández del Riego, Luis Manteiga, Ricardo Frade Giráldez, Ramón Otero Pedrayo -«O sorrir de Daniel»-, Xosé L. Parente, Leandro Carré, Álvaro das Casas, Vicente Risco -«A lenda do Graal»-, Víctor Casas, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Salvador García Bodaño e Ramón Villar Ponte. Na contraportada figuran os anuncios da empresa ourensá de Andrés Perille, do Sanatorio Quirúrxico de San Lorenzo. Santiago de Galicia, a empresa de «fotograbado» Gráfico Galaico (A Coruña) e unha publicidade da editora Nós. O volume que durante case 85 anos gardou a familia dun dos homes de Nós, Leuter González Salgado, podería formar parte da mostra do Gaiás.