Rocío Leira: «O rural está moi pouco traballado, é o grande esquecido da novela»

Tres voces femininas protagonizan a primeira novela de intriga para adultos da autora ceense


Carballo / La Voz

Rocío Leira (1979), ceense, aínda que afincada en Santiago de Compostela, vén de publicar a súa primeira novela para adultos -Veleno en familia- ao abeiro de Baía Edicións. Neste libro, co que foi finalista do I Premio de Novela Vilar Ponte do Concello de Viveiro, envolve a realidade de tres mulleres do rural nunha trama de intriga e suspenso que fará que o lector queira devorar cada unha das páxinas, que conducen a un final «bastante sorprendente», segundo a autora. Así o conta:

-Que ofrece neste novo «fillo literario» que vén de lanzar?

-Pois é unha novela de intriga, con asasinato incorporado e que mantén o suspense ata o final, pero que de fondo trata tamén as relacións tóxicas nas familias no contexto dunha Galicia rural e bastante pechada. É unha peza de voces femininas, pois está protagonizada por tres mulleres dunha mesma familia. Dosinda, a matriarca do clan, está acostumada a ter sempre o poder, e é unha nai abusiva sobre a súa filla Carme, que representa a esa muller máis abnegada e submisa que, ademais de ter que lidar cos labores da terra, ten que asumir os coidados dos maiores. Sente que tivo que renunciar á vida que lle gustaría para atender a súa nai, o que deriva nun conflito psicolóxico. A terceira en discordia é Rosa Mari, unha sobriña da matriarca moi extravertida, totalmente oposta a Carme, e que sente que non encaixa nese ambiente abafante no que vive.

-Prexuízos e síndrome do coidador, dous temas moi presentes.

-Si, e aínda que son circunstancias que tamén se poden presentar nunha contorna urbana realmente onde máis presenza teñen é en zonas rurais, onde todo o mundo se coñece e hai máis posibilidades de que te xulguen. Polo contacto que tiven con clubs de lectura e con diferentes lectores despois de publicar a obra, ao final todo o mundo acaba recoñecendo a estas personaxes: todas coñecen a unha Dosinda, a unha Carme e a unha Rosa Mari.

-E como saír desa situación de submisión e desamparo que sofre algunha das súas protagonistas?

-Iso ocórrelle sobre todo a Carme, que ademais da relación coa súa nai tamén se sente menosprezada polo seu home. Sofre unha gran transformación ao longo da novela ao decatarse de que quere retomar o control da súa vida e non está de acordo con cousas tan sinxelas como que non poida ir soa á taberna da vila, pois está moi mal visto no ambiente no que vive. Isto pode parecer algo distópico, lonxe da realidade actual, pero cando se celebrou o último 8 de marzo nunha manifestación convocada nunha vila de Ourense portouse unha pancarta na que poñía: «As mulleres de aldea tamén podemos ir ao bar».

-Que a leva a facer unha obra centrada nesta temática?

-Eu quería escribir unha peza de intriga, pois é un xénero que me encanta, e parecíame que o rural se prestaba moito á atmosfera de misterio que quería crear. Ademais, o rural está moi pouco traballado: é o grande esquecido na novela, que na súa maior parte ambiéntase no urbano. Por outro lado, tamén quería reivindicar o papel desas mulleres rurais que moitas veces pasan desapercibidas.

-Esta foi a súa primeira incursión na novela para adultos.

-Si, e está a piques de saír Tres, catorce, dezaseis, outra novela de intriga para adultos, aínda que nesta ocasión centrada nun ámbito máis matemático e intelectual.

-Algunha presentación á vista?

-Agora mesmo o que estou facendo moito son clubs de lectura. O próximo será este venres en Gondomar: un club feminista que escolleu este libro para o mes de xaneiro, e onde analizaremos, sempre dende a perspectiva do libro, o papel da muller no rural. Teño entendido que este tema será resaltado este ano, precisamente, polos movementos feministas. Así que esta peza, por casualidade, está moito de actualidade. Tamén teño un proxecto para ir ao instituto de Baio, unha presentación en Cee e outros catro ou cinco clubs de lectura máis ao longo do mes de febreiro.

-É vostede feminista?

-Considero que calquera muller ou home formado ten que ser feminista. Non cabe outra alternativa. Non son superactivista, pero creo que a literatura ten que ter un certo papel social, xa non de militar activamente pero, polo menos, de poñer a lupa e visibilizar esas cousas que consideramos que deberían cambiar. Se así podemos achegar o noso gran de area, benvido sexa, pois creo que é o deber da cultura: posicionarse coas causas máis desfavorecidas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Rocío Leira: «O rural está moi pouco traballado, é o grande esquecido da novela»