Sergio Cinza: «Para chegar a vellos con boa calidade de vida hai que tomar medidas antes»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Explicará en Charlas Saludables hábitos e coidados para gozar dunha boa saúde

15 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os hábitos de vida e os coidados que se recomendan para gozar dunha boa saúde será o tema da Charla Saudable de Sergio Cinza, médico de familia. «Está comprobado que as persoas sans seguen unha boa dieta, bos hábitos e fan actividade física, eses son os principios máis importantes E un recente estudo conclúe que España é o país máis envellecido de Europa e o que ten a peor calidade de vida, por ter as persoas vellas tamén máis enfermas», afirma.

-Ten solución iso?

-Ten, si. Para chegar a vellos con boa calidade de vida hai que tomar medidas antes. Nesta charla vou falar dos hábitos de vida máis saudables, en especial os cardiovasculares.

-Por que os cardiovasculares?

-Porque teñen que ver coa primeira causa de morte e porque moitas das recomendacións que se poden dar nese ámbito son comúns para moitas outras doenzas, mesmo para o cancro.

-Que presenza teñen as doenzas cardiovasculares nas consultas?

-Representan, como mínimo, un 35 % ou o 40 % das consultas dos centros de saúde, ou máis. Cada 30 consultas que se ven en atención primaria, 10 ou 15 teñen relación coa saúde cardiovascular, aínda que depende das características da poboación que atenda cada médico.

-Como é a situación actual?

-Na Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria, Semergen, estamos a realizar o estudo Iberican. Temos datos de 8.000 doentes que acoden a consulta por calquera causa e recollemos os factores de risco cardiovascular, os tratamentos que toman, o grao de control que teñen, doenzas cardiovasculares diagnosticadas e seguimento.

-Que conclúe ese estudo?

-É un estudo que se fai na consulta en poucos minutos, e que tamén valora se a persoa fai actividade física, o tipo de dieta, e en xeral a calidade de vida. Estamos analizando os datos para publicar as primeiras conclusións e observamos como hai unha forte asociación entre os factores de risco que nós consideramos principais, que son a hipertensión, a diabete e a dislipemia, coa obesidade como causa principal. E ao mesmo tempo a obesidade ten relación co sedentarismo e coa dieta.

-E que propoñen para iso?

-A solución non está en que nos centros de saúde se prescriban máis tratamentos, aínda que sexan máis baratos, se non en que cada persoa se responsabilice dos seus hábitos de vida e que os tente modificar para ter unha vida máis saudable. Porque a Encuesta Nacional de Salud de España indica como, nos últimos 25 anos, houbo un incremento moi importante de obesidade e de sobrepeso na poboación española, e como iso está a repercutir nunha peor calidade de vida, nun maior número de doenzas.

-Nota iso o sistema sanitario?

-Evidentemente, hai unha maior presión asistencial, e é necesaria tamén unha maior mentalización de que o sistema sanitario non é gratuíto, ten un custo que asumimos toda a cidadanía. Se a situación non muda e mellora, no futuro o sistema sanitario público vai ser insustentable, non vai poder continuar como o coñecemos na actualidade, porque o número de doentes será tan alto que non se poderá financiar. Está na nosa man mudar iso e para conseguir avances é preciso introducir mellores hábitos de vida.

-Que se fai nos centros de atención primaria nese ámbito?

-As consultas médicas e de enfermería dos centros de saúde fan moito traballo de seguimento e resolven a maioría dos problemas de saúde. Só se require que un doente acuda ao hospital se vemos que se descompensa gravemente ou ten complicacións; do resto, do máis habitual, case todo se pode facer en primaria.

-Utilizan moito a e-consulta con especialistas do hospital?

-Se observamos variacións na situación clínica do doente si que a utilizamos, pois a resposta é bastante rápida e resolve moitas dúbidas. Por exemplo, unha persoa que padeceu un infarto ou que ten diagnosticada insuficiencia cardíaca, se vemos cambios sospeitosos nun electrocardiograma, ou notamos que empeora de maneira inesperada, utilizamos esa vía da e-consulta. Porque un médico de primaria pode atender 10, 15 ou 20 pacientes que padecesen un ataque cardíaco, poñamos por caso; e os especialistas do hospital teñen máis experiencia na abordaxe de certas complicacións. Son frecuentes os casos nos que non é preciso que o cardiólogo teña o doente de presenza física na consulta, é suficiente con que valore datos clínicos que nos lle enviamos.