Un traballo sobre o golpe do 36 nas Pontes gaña o premio HUME

María Meizoso AS PONTES / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

O estudo foi elaborado por Conchi López e Rafael García, investigadores da USC

12 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume de As Pontes entregará o próximo mes de xaneiro os seus premios anuais de investigación. Nesta ocasión, o traballo máis valorado polo xurado foi A violencia no Golpe e na retagarda galega. O Concello de As Pontes, 1936-1939, presentado por Rafael García e Conchi López, investigadores do departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. O segundo posto recaeu nun proxecto elaborado por Frank Manuel Díaz e Ruxandra Guillama Camba baixo o título Novo aportes ás migracións pontesas a Cuba: asociacionismo e variacións residenciais.

No tocante ao primeiro proxecto, os seus autores -García e López- apuntan que a realidade pontesa chegou a eles de casualidade. «Eu estudo os municipios de Betanzos, Monforte e Bueu e Rafa o de Santiago, pero vimos unha oportunidade de achegarnos a un concello distinto así que non o dubidamos», explica López. Segundo ámbolos dous, o que ocorre nas Pontes nesa época «está en sintonía co que acontece no resto de Galicia como parte da retagarda golpista, pero este é un caso moi ilustrativo para ver as distintas manifestacións da violencia e móstranos as múltiples posibilidades que ofrece para investigación un enfoque micro».

Sobre a metodoloxía utilizada, a investigadora salienta que «nós sempre optamos por intentar non facer traballos cegos . Entón tratamos de aportar algunha imaxe da época, sobre todo, dos lugares que eran significativos porque os espazos son lugares de memoria e tamén se modificaron coa irrupción do golpe». Neste caso, relata, «decidimos buscar fotos antigas e vimos que se está levando a cabo un proxecto estupendo, Daquela As Pontes, que cremos que deberían aplicar outros concellos. Grazas a iso tivemos unha total dispoñibilidade e facilitounos moito o noso traballo». Continuando con ese traballo de campo, García tamén salienta a oportunidade de achegarse ao fondo de nomes e voces. «Estivo interesante o das entrevistas do que foi alcalde na República, José Vilaboy, nas que daba a súa visión da vida da corporación e da forma coa que viviu o golpe de Estado». Para o investigador, este traballo supuxo «redondear a historia que había sobre este período» centrándose «nas dinámicas que rexían a vida na vila das Pontes».