1.500 euros

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

SANTIAGO CIUDAD

03 mar 2020 . Actualizado a las 21:55 h.

Os que observamos estatísticas inmobiliarias quedamos mudos coa nova de que o prezo do arrendamento mensual da vivenda na praza Roxa de Compostela rolda os 1.500 euros, cantidade que imaxinariamos nos centros de Madrid ou Barcelona.

Para a renda media dos composteláns -2.180 euros/mes- supón unha porcentaxe excesiva que os expulsa a concellos limítrofes, pero tamén teñen que fuxir os estudantes universitarios, inquilinos tradicionais do Ensanche.

Converxe con esta outra nova para preocuparse: tres comercios tradicionais da cidade histórica pechan na mesma semana polo alto prezo dos alugueiros, locais que ocuparán multinacionais que se instalan na cidade.

Son as causas do turismo de masas que responde ao efecto chamada do Camiño de Santiago, polo que a capital non é a única que verá estes efectos. Vaian imaxinando astronómicos prezos en Fisterra, final do Camiño con renda mileurista, e pode espallarse polo resto dos concellos costeiros por mor da colonización da vivenda dispoñible da man das plataformas turísticas multinacionais.

Non podemos construír un territorio para os turistas cando non temos vivendas asumibles para nós, nin podemos seguir pensando que o turismo de masas vai cubrir o baleiro inversor perdido trala burbulla inmobiliaria. Necesitamos cidades para cidadáns, e non para os turistas, e necesitamos comercio local, e non locais de franquías multinacionais.

A realidade é que os que veñen de vacacións teñen maior poder adquisitivo ca nós, e poden pagar máis, pero algún día a galiña morrerá, e será tarde para manter un nivel digno de vida para os nosos.