A verdade espida en Cuelgamuros

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

SANTIAGO CIUDAD

Pool

26 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os restos do ditador saíron por fin de Cuelgamuros e non pasou nada. Que podía pasar? A pregunta obrigada sería: daquela por que non os sacaron antes? Antes de antes e antes de agora. Por que tardou a democracia corenta e tres anos en tomar unha decisión política que era de xustiza? E por que se demorou tanto a saída dende que a decisión política foi tomada polo Goberno actual? O importante son as preguntas, porque as respostas son variadas e case todas coñecidas. Sobre a última demora, debida ao obstrucionismo xudicial argallado pola familia, á fundación dedicada á memoria do ditador e a algúns avogados das silveira, pouco hai que dicir. Ao cabo, só un ano de demora despois de máis de corenta ben pouco significado ten. O relevante é que ningunha forza política parlamentaria -nin sequera os neofranquistas tan fortalecidos agora no Parlamento- se opuxo ao traslado con protestas, con accións ou con presenza públicas.

O pasado 20 de novembro foi coma os últimos. Con moitas flores nas tumbas das vítimas da ditadura e nos lugares de memoria que as lembran, pero sen flores nin actos na casa natal dos Franco, no barrio ferrolán da Madalena. Ambos os feitos teñen moito significado. Así acontece dende que moitos nostálxicos foron desaparecendo co paso do tempo e dende que se iniciou o ciclo de recuperación da memoria histórica. Certo que houbo algunhas misas de lembranza. Pero certo tamén que nesa data do 44 aniversario da morte de Franco, apenas un mes despois do traslado dos seus restos, non parece que nada mudara a prol da lembranza do que foi líder dos golpistas e Caudillo antidemocrático. A prensa deu conta da celebración dunhas vinte misas en todo o Estado, convocadas por uns poucos defensores do réxime anterior, e significativamente tamén das súas queixas polas dificultades de atopar igrexa e crego para celebralas.

A conclusión é ben positiva. O 20 de novembro do 2019 no Estado español, máis alá da súa familia e de testamenteiros, ninguén defendeu en público o réxime de Franco nin o reivindicou politicamente. Non esquezamos que isto vén sendo así dende que o único partido herdeiro declarado do franquismo, Fuerza Nueva, perdeu o seu único deputado nas eleccións de 1982. Pasaron máis de tres décadas. Porén, neste tempo o Valle de los Caídos seguiu sendo monumento nacional e sitio de memoria do golpismo, en vez de lembrarse como campo de concentración de milleiros de presos republicanos entre 1940 e 1959. Tampouco foron cuestionados os bens que cambiaron de mans a resultas do triunfo dos golpistas, fosen as estatuas do pórtico da Gloria -actualmente reclamadas polo Concello de Santiago- ou os palacetes da avenida da Castellana de Madrid expropiados aos vencidos. Demasiada cesión. Demasiado tempo.

A verdade espida en Cuelgamuros vén sendo que os partidarios da ditadura hoxe xa non a reivindican publicamente, porque iso mantívoos corenta anos fóra da vida pública. Pero seguen querendo impoñela negando aos demais o dereito a ser o que son. Mesmo se atreven a falar de reconciliación e constitución mentres piden ilegalizar partidos. A culpa non é deles, senón de quen os recoñece. Niso os tempos non mudaron.