Tareixa Martínez Barral: «Un dos nosos desafíos é que os colegas profesores teñan claras as nosas funcións, pois nós non somos docentes»

J. G. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Exerce como interprete  para apoiar a escolares con discapacidade auditiva no colexio Quiroga Palacios

11 nov 2019 . Actualizado a las 10:24 h.

Tareixa Martínez Barral exerce como interprete e guía intérprete para apoiar a escolares con discapacidade auditiva no colexio público de infantil e primaria Quiroga Palacios de Conxo (Santiago). Este é un centro que se implica moito nos últimos cursos no apoio á diversidade. Profesional hai 18 anos, Tareixa traballa os 12 últimos cursos para a Consellería de Educación, en centros da cidade da Coruña, e de Culleredo, Muros, Ferrol e Santiago: «Atendín alumnado de todos os niveis. En Compostela, tamén no instituto Xelmírez I, e no Politécnico de FP», afirma.

-Como é o seu traballo?

-Os intérpretes estamos co alumnado xordo ou xordo-cego que utiliza a lingua de signos durante o tempo que permanezan no centro e para o que necesiten. Traballamos na sala de aula, no recreo se é necesario, e tamén nas actividades no exterior do centro.

-Dispoñen de material didáctico para a súa función?

-Tentamos que todo o material didáctico que necesite o alumnado que atendemos sexa accesible, que haxa versións en lingua de signos, ou subtituladas. No colexio Quiroga Palacios tamén utilizamos un espazo específico de Youtube para difundir materiais en lingua de signos como cancións en inglés ou contos.

-Este colexio apoia moito a diversidade, é o habitual?

-Este centro leva 7 cursos con alumnado xordo e agora estamos a ver resultados de moitos anos de traballo. Ao principio só viña unha mediadora da ONCE, para apoiar unha alumna con xordo-cegueira. Eu vin hai catro años. Sobre todo nos últimos cursos hai moito profesorado implicado, e unha maior consciencia destas necesidades do alumnado.

-No seu caso, agora exerce en primaria, antes tamén en infantil, na ESO e na FP, é moi diferente?

-As esixencias de interpretación do alumnado xordo varían segundo o nivel educativo. Nos ciclos da FP, por exemplo, hai un corpus lingüístico específico e non sempre hai signos para todo o vocabulario que se utiliza, iso supón un maior esforzo para quen interpreta, hai que saber moitas cousas para facer ben o traballo. Ben que notei iso cando traballei nun ciclo de Soldadura, no Politécnico de Santiago.

-Tras 12 anos de experiencia no ensino, cales ve como maiores dificultades da profesión?

-Un dos nosos desafíos é conseguir que os colegas profesores teñan claras as nosas funcións, pois nós non somos docentes, somos intérpretes. E tamén que a Administración se poña de acordo sobre cales son as nosas funcións, agora mesmo o tema laboral está moi complicado con moitos dos empregadores de intérpretes.

-Onde se forman para ser intérpretes?

-Había un ciclo formativo superior de Formación Profesional, que se extinguiu. Agora algunhas universidades ofrecen un título oficial, aínda que esta oferta é escasa.