Eguía non aforcou ao culpable


Agás para os afeccionados á historia, non parece ser moi coñecido o suceso que paso a describir. O 29 de outubro de 1829 estoupoulle entre as mans un prego postal ao capitán xeneral de Galicia, Nazario Eguía y Sáez Buruaga. Puidera ser este o primeiro atentado coñecido a nivel nacional polo procedemento de carta bomba. Como consecuencia da explosión, o militar perdeu a man dereita e dous dedos da esquerda, resultando tamén con trece feridas na cara e no ventre. Acontecía o suceso en Santiago de Compostela, onde o capitán xeneral trasladara a sede da Capitanía Xeral de Galicia, tradicionalmente instalada na Coruña. O soberano premiouno co título nobiliario de conde de Casa-Eguía. Este militar vasco, de brillante traxectoria, fora nomeado para tal dignidade en 1824 polo máis nefasto dos nosos reis, Fernando VII, logo de que dera fin -pola forza e co auxilio dos Cen Mil Fillos de San Luís- ao Trienio Liberal (1820-1823). E sabía ben o que facía, xa que o novo capitán xeneral era un furibundo defensor da monarquía absoluta, vingativo e de temperamento colérico. Por iso non resulta estraño que, despois da morte do rei, insatisfeito e perseguido, se integrara no exército carlista, substituíndo a Zumalacárregui en 1835 logo da morte deste.

De Fernando VII cóntase que pronunciou dúas frases célebres e notoriamente contraditorias. A primeira, cando se viu obrigado a xurar a Constitución de Cádiz: «Vayamos todos juntos por la senda segura de la Constitución»; a segunda, despois de crear a Policía do Reino, rematado o Trienio Constitucional: «Palo a la burra blanca, palo a la burra negra, palo a todas las burras». Nazario Eguía chegou a Galicia disposto a cumprir coas ordes do Desexado, eliminando todos os movementos liberais e mudando a sede da Capitanía por outra máis ao seu gusto, conservadora e clerical: Santiago de Compostela. Prohibiu as reunións, as murmuracións contra os superiores e o uso das gorras cachuchas, creou unha rede de informadores, obrigou a saudar ás autoridades «sombreiro en man» e exerceu unha forte represión. Seica o secuestro de libros e actas dos concellos constitucionais foron unha constante naquel tempo.

Curros Enríquez, nun traballo dedicado a quen fora ministro da Primeira República, Eduardo Chao, publicado a finais dese mesmo século, conta que o pai deste, José María Chao, natural de Ribadavia e boticario de profesión, fora considerado o sospeitoso número un do envío do prego explosivo a Nazario Eguía. O propio militar afirmara que «nadie más que Chao es capaz de inventar obra tan perfecta». O certo é que o capitán xeneral recibira un prego no que constaba «reservado e urxente», así como a procedencia de «Palacio», motivo que parecía acreditar que tiña orixe na Casa do Rei. Cando desleou o atadallo sucedeu o xa descrito. Daquela José María Chao estaba instalado como boticario, desde 1826, na rúa dos Sombreireiros de Vigo, e na súa rebotica celebrábanse reunións e maquinábase a favor dos liberais.

Tamén se conta que o asistente do militar, aterrecido polo que viña de suceder, escoitou dicir ao xeneral: «Todavía me quedan dedos para ahorcar al culpable». Certo ou falso, é unha historia tremenda que moito daría que falar naquel tempo, xa que Chao foi detido e pasou unha tempada na prisión do castelo de Santo Antón na Coruña, coma outros sospeitosos, pero tivo que ser posto en liberdade sen se poder probar a súa participación no atentado. O curioso é que anos despois Eguía pasou moitas horas de parola na rebotica do pai de Pío Baroja. É de supoñer que nese ambiente lembraría o pasado.

Sábese que se ofreceu unha substanciosa suma de cartos a quen dese pistas sobre o responsable do atentado, así como o indulto a calquera delator da acción. Nin con esas: nada se soubo do autor material. Pasado o tempo, e logo de ofrecer notables vitorias ao carlismo, Nazario Eguía foi recoñecido co rango de tenente xeneral en virtude dos Acordos de Vergara, rematando como senador vitalicio do reino pola provincia de Álava.

Calquera podería pensar que historicamente o Senado de España foi o acubillo de moitas carreiras políticas, militares e doutros eidos profesionais. Non estaría nun erro. Na Cámara Alta amoreábanse, en troques, milleiros de experiencias.

Por Luís Manuel García Mañá Comisario Principal Honorario e académico correspondente da RAG

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Eguía non aforcou ao culpable