Benigno Amor: «Nos fai moita ilusión o concerto no Paraninfo, é volver á Universidade»

Troyanos de Compostela mantén vivo o espírito dos tunos que foron na súa xuventude


santiago / la voz

A agrupación musical do Museo La Casa de la Troya presenta no Paraninfo da Universidade de Santiago (na Facultade de Xeografía e Historia) o seu cedé Viva Galicia. Ademais do repertorio tradicional de tuna, Troyanos de Compostela interpretarán músicas do tempo da novela homónima de Pérez Lugín, cuxa primeira edición data de 1915. Benigno Amor Barreiro (Santiago, 1967) é o director do museo e guitarra do grupo. O concerto, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo, está sinalado para mañá, venres, ás oito da tarde.

-Son tunos maiores?

-Somos persoas que na nosa etapa universitaria estivemos na tuna e mantemos ese espírito, por iso levamos capa, beca e a cruz de Santiago.

-Pode definir ese espírito?

-Falo do espírito dos tempos da alegría da xuventude, da curiosidade, da visión aberta ao mundo e da fraternidade. E a todo iso unimos o gusto por interpretar as músicas que teñen que ver con ese tempo e con esta cidade, e con ánimo de facer partícipes desta ledicia a quen nos escoita.

-E manter a tradición?

-Cómpre manter esta tradición que nace en Santiago cara ao ano 1873, un patrimonio material e inmaterial, para transformalo en algo tanxible que nos permita transmitilo ás novas xeracións.

-De que modo?

-No cedé gravamos músicas que recuperamos do tempo da novela, disco que distribuímos aos colexios de Santiago e comarca, acompañado dun conto infantil escrito por Perozo, ademais de procurarmos visitas ao museo dos propios centros escolares. Así que aproveito a ocasión para facer un chamamento á escola a favor da recuperación das rondallas.

-A estrea do disco tivo lugar no Apóstolo do ano pasado cun teatro Principal ateigado. Que expectación hai para este novo concerto?

-É un concerto que nos fai moita ilusión por canto supón volver ao ámbito universitario do que procedemos, nun espazo que serve de marco a moitas escenas da novela, así que esperamos ter unha boa acollida, porque houbo moita xente que quedara fóra daquela actuación.

-Entre o Teatro Principal e o Paraninfo houbo outros? E haberá máis?

-Si, fomos a Carballo e actuamos no centro social do Romaño, a modo de agradecemento ao lugar onde gravamos o disco. O 26 de outubro imos a Celanova, e estamos buscando datas para A Coruña, Lugo e Madrid.

-Tamén Madrid?

-Unha asociación de antigos tunos madrileña outorgou un premio ao museo pola súa contribución á conservación e divulgación dos valores da tuna, e con tal motivo actuaremos alí. A nosa ilusión é facelo na Casa de Galicia.

-Que tal foi a temporada do museo?

-Mantemos unha liña ascendente que se vai reforzando coas visitas dos colexios e doutros colectivos cidadáns. Estamos nas 2.500 visitas en 70 días efectivamente abertos. Todas son guiadas e faremos un último roteiro o 18 de outubro para a asociación veciñal Raigame.

-Como santiagués activo e emprendedor, como ve a cidade?

-Boto en falta máis orgullo cidadán en xeral. E o noso museo é unha magnífica porta de entrada á Compostela de finais do XIX e principios do XX, pola que pasaron persoeiros da transcendencia de Montero Ríos, Valle-Inclán, Pardo Bazán ou Chané.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
2 votos
Comentarios

Benigno Amor: «Nos fai moita ilusión o concerto no Paraninfo, é volver á Universidade»