Santiago Mato: «O Xuvenil de División de Honra vai pasar dos 40.000 euros»

SANTIAGO CIUDAD

Xoán A. Soler

O mandatario, convencido do acerto da fusión co Santiago, confía en botar raíces na categoría de Honra

25 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Deportivo Conxo púxose en marcha no ano 1983. Desde sempre foi unha entidade de canteira e desde maio do 2018, cando quedou ratificada a fusión co Santiago, acentúa esa vocación. Unha tempada máis tarde, mantén representación en tódalas categorías de base, con presenza na División de Honra Cadete e máis na Xuvenil.

-¿Desde cando leva no club?

-Dun xeito ou doutro, desde que se fundou. Xa colaborei cando se fixo o campo, porque fixémolo xente de Conxo. No que atinxe á directiva, creo que son quince anos, sete como presidente.

-¿Cantos equipos teñen?

-Veinteún, e arredor de catrocentas fichas.

-Esa dobre presenza na División de Honra supón un reforzo para a canteira

-Tentamos ter todo o escalafón cuberto, de arriba abaixo, e agora témolo. Evidentemente, o xuvenil é o referente, o equipo ao que todos miran.

-¿Que está a supoñer para o club a fusión?

-Penso que foi un gran acerto. Ao principio custou un pouco. Pero a nivel deportivo aí están os resultados. O Cadete Provincial ascendeu á Galega, o de Galega a División de Honra e o Xuvenil Nacional a División de Honra. Foi un ano redondo.

-O que cambia o conto e no apartado económico. ¿Canto custa competir en División de Honra Xuvenil?

-Sen dúbida. Aí temos un cabalo de batalla. Na parte deportiva está Antonio Álvarez facendo un gran traballo. Na parcela económica e social estamos tratando de involucrar cada vez a máis xente. Se o asentamos economicamente, que é o que espero, penso que nos podemos manter e ser un referente para equipos de Santiago e da zona, que non nos vexan como un inimigo senón como un amigo, e que á hora de aportar xogadores sexan receptivos. Sería o ideal.

-¿En cartos, en que se traduce?

-Están sen pechar os números, pero vai pasar dos 40.000 euros. O orzamento do club estará entre 140.000 e 150.000, máis ou menos. Hai tres desprazamentos a Santander, a Oviedo, a Xixón... Eso supón moitos cartos.

-¿Consolidarse nesa categoría é o gran obxectivo?

-Sen dúbida. Iso e manter todas as demais categorías. Para ter ese equipo non podes descoidar a base.

-¿O fútbol feminino é unha tarefa pendente?

-Xa tivemos fútbol feminino, cun equipo competitivo. Foi o que marchou para Villestro. A min deume mágoa. Estaría moi aberto a ter un equipo feminino.

-¿Que faltou para que se consolidase?

-Non sabería dicir. Igual non se coidou como se debera e o Villestro apostou máis forte. A verdade é que non estaba moito no tema naquel momento.

-¿Cantas horas lle quita o club á semana?

-Debo dicir que non son o que máis horas lle dedica. Hai xente como Alfonso Balsa no tema económico e burocrático que lle bota una pasada de horas, o mesmo que Antonio na parcela deportiva. Non son dos que estou seguido, pero horas quita. Non sabería cuantificar. Hai semanas de máis e outras de menos.

-¿É dos que pasa toda a fin de semana a pé de campo?

-Non. Vou cando podo. Ao xuvenil puiden ir aos dous partidos que xogou aquí. Non teño temor en admitir que non coñezo a tódolos equipos do club. Teño un negocio que require tempo na fin de semana.