«Non hai moitos colexios de Santiago nos que eu non dera clase de xadrez»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Considérase un privilexiado por ser quen de facer unha profesión da súa afección

23 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nome. Dan Cruz Álvarez de Ron (Santiago, 1977).

Profesión. Monitor e profesor de xadrez.

Recuncho escollido. O hotel Costa Vella, onde xoga ao xadrez desde os 23 anos, cando comezou a carreira, e onde segue analizando partidas cos seus amigos.

¿Que fai o fillo dun salmantino e unha asturiana en Compostela? «Meus pais eran funcionarios e el acadou praza en Santiago. A miña nai colleu unha excedencia e viñeron para aquí, e logo ela atopou traballo en Negreira e meu pai, máis tarde, cambiou a praza para alí. Estiveron os dous como dez anos traballando xuntos en Extensión Agraria e logo a miña nai foi trasladada a Santiago, e por último, meu pai tamén». ¿E que fai un compostelán e negreirés de adopción xogando ao xadrez? «Ensinoume meu pai con catro anos e xa nunca deixei de xogar. Ensinoulle tamén á miña irmá Mar, pero ela deixouno. Normalmente as mulleres o deixan cando chegan a adolescencia. Non sabemos por que, seguimos investigando».

Dan podería ter sido un afeccionado máis de non ser polo profesor Ferreiro do colexio de Negreira, que foi quen de apreciar as súas dotes e que o introduciu no club de xadrez do concello, desde onde Dan comezou a participar en campionatos nos que non deixou de destacar, ata o punto de chegar a ser, no ano 1996, campión galego xuvenil.

Cando chegou o momento de escoller carreira, Dan matriculouse en Económicas, pero non o tiña nada claro, non era o seu. Decantouse logo por Historia, e non desbota rematala algún día porque si que lle gusta, pero o xadrez sempre se lle cruzou polo camiño. Non tardou en empezar a dar clases e cada día ese traballo ocupaba máis horas na súa vida, ata facer do xadrez unha profesión. «Son un privilexiado», recoñece.

Máis que a Facultade de Económicas, foi o club de xadrez da USC, o do Concello de Santiago e o da Algalia os que chamaron a atención de Dan, guiado polo profesor Xosé Luís Veiga, o terceiro responsable, xunto co seu pai e o con Ferreiro, de que hoxe conte por centos os composteláns que aprenderon a mover as pezas e a gozar das estratexias do taboleiro grazas ao mestre Dan Cruz. «Non hai moitos colexios de Santiago nos que eu non dera clase de xadrez», asegura facendo contas.

Comezou no Xuventude e logo no López Ferreiro, despois o Dona Emma, Cluny, Compañía de María e así, ata percorrer a maioría dos centros educativos e dos centros sociais de Santiago. «Había demanda e non había monitores; daquela non se pedía titulación». Hoxe si, por iso, para consolidar a súa profesión, Dan é agora monitor nacional de base e adestrador da federación internacional de xadrez, a máxima titulación a nivel mundial.

A última etapa na partida vital do xadrecista comezou no ano 2013 cando, o que hoxe é deputado socialista, Xulio Torrado, vinculado de sempre ao club de xadrez Fontecarmoa, de Vilagarcía, chamou por el porque tiñan falla de monitores. «E así foi como acabei no mellor club de xadrez do mundo», di entre risas e xustificando as súas verbas por respecto aos outros equipos nos que estivo en Santiago. «Gañamos unha vez a liga galega, quedamos campións de España de menores de 18 anos e hai un mes conseguimos o ascenso a primeira división, iso quere dicir que estamos entre os 16 mellores equipo de España».

En Vilagarcía leva xa seis anos xogando e adestrando, compatibilizando esas tarefas coas clases en Santiago, onde pon como exemplo o caso do colexio Peleteiro, que dá unha pista de por onde poden ir as cousas o día mañá se finalmente se consolida o xadrez como materia educativa. «Alí o xadrez é obrigatorio, polo menos, en primeiro e segundo, e despois eu impártoo en horario lectivo como optativa». Iso dá lugar a un problema, que é a falta de monitores cualificados para impartir as clases. «Hai que formar profesores, non sei como imos facer, pero tampouco é necesario ser un gran xogador. Se cadra, un que xoga cen partidas e as perde todas pode, sen embargo, explicarllo mellor que eu aos rapaces». Tamén ao revés. «Pódese ser un gran xogador de xadrez e non ser quen de ensinalo».

«Nos locais da cidade sempre se xogou; no Miami, no Atlántico, no Malas Pécoras...»

Como non podía ser doutra maneira, apoia que o xadrez sexa unha materia educativa regrada. «Aporta unha morea de cousas; os nenos, sen decatarse, aprenden a respectar as normas; melloran nas matemáticas, axilizan o cálculo, a linguaxe, a comprensión, o razoamento, a concentración, a lóxica...». E aínda que non todo o mundo o comparta, defende tamén que se considere un deporte. «É importante estar en boa forma física, hai partidas moi longas, de moitas horas». Co que non está de acordo é con que sexa cousa de frikis. «Pode que antes si, pero agora, se non xogan ao xadrez, xogan ao Fortnite». El pensa que é bo para calquera idade. De feito, doulle clases a maiores de 65 que se engancharon «e aí seguen». Todos eles aseguran que as súas capacidades cognitivas melloraron. «Din que cando van compran o pan ou collen o bus son máis áxiles cos cartos, manéxanse mellor coa volta».

Agora comenta cos amigos as xogadas do campionato do mundo de Siberia no hotel Costa Vella. «Quen gañe será o que rete ao actual campión do mundo, Magnus Carlsen, un rapaz noruegués que leva dende o 2013 aí, no máis alto». Pero nas súas andainas por Santiago xogou en moitos locais: «Na cidade sempre se xogou; no Miami, no Atlántico, no Malas Pécoras...».

O xadrez agasallou a Dan cuns días de fama cando, no 2013, xunto co arousán Julio González, participou no programa Increíbles. «Había un listado de 200 partidas e saía unha aleatoria; el indicábame a posición de tres pezas e eu tiña que acertar cal era». Non fallou unha. «A verdade é que difundía bastante o xadrez. Como agora Pepe Cuenca, que narra o xadrez como se lle fose a vida. ¡Vouno poñer nas clases!»