Xesús Busto: «En Santiago hai máis inmigrantes sen papeis nin axudas dos que había antes»

Máis de douscentos nenos da cidade pediron á fundación o materia escolar que as súas familias non poden pagar


santiago / la voz

A fundación Amigos de Galicia comezou a súa andaina en Vilagarcía pero as peticións de axudas que chegaban de todas partes ampliaron o seu ámbito de actuación. En 1997 abriu oficina en Santiago, onde atende regularmente as necesidades de sesenta familias, sobre todo as dos seus rapaces. Agora chega o novo curso escolar e a fundación fixo unha chamada aos cidadáns para que colaboren, porque a petición de material escolar disparouse no último ano na capital de Galicia, como recoñece o seu director xeral, Xesús Busto.

-Por que hai máis nenos con necesidades en Santiago perante o vindeiro curso?

-Pasamos de 142 solicitudes o ano pasado a 219 este ano. Non creo que haxa un só motivo. É certo que no concello, co cambio de goberno, non deixaron isto arranxado e a xente vai alí e non pode solicitar as axudas para material escolar, e aínda que a Xunta lles dá 50 euros, para quen non ten ningún recurso non é suficiente. Pero estou seguro de que iso vaise solucionar. En Santiago, ademais, hai máis inmigrantes sen papeis nin axudas dos que había antes, que por non ter regularizada a súa situación non poden acceder a esas subvencións, e tamén hai cada vez máis retornados, sobre todo venezolanos.

-Amigos de Galicia está en todas as comarcas e ten convenios de colaboración con máis de cen concellos. Por que non con Santiago?

-Eu tiña unha boa relación co anterior alcalde polo convenio que temos con Teo, pero en Santiago tivemos varias reunións e non foi posible chegar a un acordo. Non sei por que. Agardo que agora co novo goberno si se poida facer. A nós o convenio non nos interesa tanto pola achega económica... A Pontevedra, por exemplo, destinamos 350.000 euros e do convenio co concello recibimos 15.000. Non é polos cartos, e por coordinar o traballo que vimos facendo en beneficio da sociedade.

-Que material se lles dá?

-Todo o que precisan para o curso, quitando os libros de texto que corren a conta da Xunta ou que facilitan os bancos de libros. Destinamos uns 65 euros a cada rapaz, e levan tesoiras, gomas, folios, cadernos, compás, regra... Este ano por primeira vez levan un pen. O que nos din nos colexios que necesitan, e teño que aproveitar para felicitar aos centros escolares porque os profesores implícanse moito e en canto detectan un caso, nolo derivan.

-Cantas familias atenden en Santiago?

-Unha media mensual de sesenta familias. Temos en Lavacolla o almacén de reparto para toda a provincia e, en total, atendemos a 48.000 persoas e 15.000 nenos, que son a nosa prioridade. Antes eran familias que estaban no paro, había moitos parados de longa duración. Agora son persoas que cobran unha paga mínima, ou que teñen unha risga e a esgotan, e non poden cubrir as súas necesidades. Arranxamos as vivendas, cambiamos os mobles, corremos co gasto das gafas dos rapaces, que son moi caras, os gastos de control de diabetes nos colexios, aínda que agora vaise ocupar a Xunta diso... Todo iso pode ser grazas a axuda das 500 empresas colaboradoras que temos. Agora [polo xoves] veño de Santa Comba onde unha delas ven de nos dar 2.700 mochilas para os rapaces. Temos axudas dos fondos europeos, do Estado, da Xunta, das deputacións e dos concellos, ademais de máis de 1.200 patróns que temos na fundación. Sen eles isto non sería posible facelo.

«Sempre fun moi sensible e metinme en moitos fregados»

Toda a sociedade compostelá, e a galega en xeral, afanouse no caso de Jonatan, o neno con síndrome de Hunter que precisaba unha cadeira especial, e Amigos de Galicia conseguiuna e entregoulla hai pouco. Ata os xogadores do Compos lle regalaron unha camiseta firmada polo seu aniversario.

-E consciente das críticas pola exposición pública dos nenos?

-E como senón lle trasladas á sociedade este problema? A maneira de que as Administracións boten unha man é facendo visible o caso, e non como antes, que as familias os tiñan agachados na casa e non vían a luz do día.

-É caridade?

-Non é caridade, é un problema social e hai que atendelo.

-Como naceu Amigos de Galicia?

-Fundámola no ano 1987 dous amigos meus e máis eu, pero inicialmente era unha entidade cultural e gastronómica. Sempre fun moi sensible e metinme en moitos fregados, primeiro apoiando aos artistas galegos e á música. Cando os galegos de Cuba empezaron a pedir axuda, axudámolos, e no 95 empezaron a chegar as peticións tamén de xente de Galicia, e eu decateime de que isto había que profesionalizalo porque non había outra maneira de sacalo adiante máis que involucrando aos patróns e á Administración. Estas entidades son necesarias na sociedade galega.

-Non tería que facelo a Administración?

-Non hai Estado no mundo, que non sexan os países nórdicos, que sexa quen de cubrir todas as necesidades. En Estados Unidos hai 60 millóns de pobres e cóbrese co mecenado. Que por certo, en España ía cambiar a lei para que desgravara máis, como en Francia ou en Alemaña, e non se fixo, e as doazóns aquí seguen a ser moi baixas.

-O cidadán responde á chamada de Amigos de Galicia?

-No último encontro de oenegués que tivemos, entidades que se financiaban cunha cota fixa dos socios admitiron que iso estaba baixando moito, pero se fas unha chamada puntual a través das redes sociais, si se responde.

-Nas redes sociais tamén hai moitas críticas a este labor, como pasou coas doazóns de Amancio Ortega...

-Uns vemos as cousas dunha maneira e outros, doutra. Iso é inevitable, xa antes se discutía nos bares e non pasaba nada, iso non é malo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Xesús Busto: «En Santiago hai máis inmigrantes sen papeis nin axudas dos que había antes»