Guillermo Fernández, guitarrista de De Vacas: «Este ano temos unha proposta para ser a canción do verán»

Uxía Carrera / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

MANOLO DOURADO

O grupo que actúa este venres no penúltimo concerto do ciclo Atardecer no Gaiás

15 ago 2019 . Actualizado a las 23:05 h.

«Si, sabes que levo un anaco mirándote, quero consumar contigo hoxe», estas palabras poderían saír do Despacito de Luis Fonsi pero é a letra de Amodiño, a versión do grupo De Vacas. A formación galega revoluciona éxitos mundiais para transformalos con retranca e letras feministas. Hoxe, ás 21.00, actúan no Gaiás, co patrocinio de Cervezas Alhambra. O ciclo péchase mañá co concerto de Best Boy.

-¿Como é ter o papel de guitarrista en De Vacas?

-A verdade é que é moi interesante porque facemos cancións despoxadas da súa versión orixinal, transformamos os temas comerciais en instrumentais, só con voz e guitarra, polo que me dá lugar a moita experimentación.

-¿Seguídesvos definindo como un grupo de versións ou tamén de creación propia?

-A idea xeral é facer versións de temas maltratados pola historia. A nosa idea era recuperar eses temas deostados para convertelos en cancións de voces e de guitarra. Pero agora tamén traballamos con temas de composición propia. Este ano presentamos unha proposta coa que temos como obxectivo ser a canción do verán e que soe nas radio fórmulas, pero contén moita retranca, así que estamos facendo grandes esforzos para que iso aconteza.

-¿O humor e as letras reivindicativas son o que máis vos definen?

-A nosa base é o propio formato en si, é dicir, converter temas importantes en cancións de guitarra e voz, substituír o envoltorio. Pero, por suposto, as letras que compoñemos, a retranca e o humor son elementos que caracterizan bastante a nosa creación.

-¿O cambio de letra pode entenderse como unha crítica á versión orixinal, como por exemplo a canción «Amodiño»?

-A pesar de que hai ocasións en que simplemente nos gusta dar unha volta as cancións, hai moitos temas cos que denunciamos o latente machismo. Facémolo simplemente dándolle a volta á letra para ridiculizalo ou por exemplo cambiando o xénero no que fala. Pero sempre o facemos a través do humor.

-Cre que é incompatible o éxito dunha canción comercial con letras feministas e humorísticas como as vosas?

-O que si creo é que os éxitos a nivel mundial pouco teñen que ver con esas cousas, teñen que ver con campañas publicitarias, saber colocalo e un sistema de pantalla permanente. Non sempre se pon o acento nas letras, a xente non sempre é consciente do que escoita ou do que baila, por iso nós si traballamos para pór en evidencia esas letras.

-¿Que se vai atopar o público no concerto de hoxe?

-O espectáculo que estamos facendo este ano segue na liña do anterior pero con novas cancións, novas letras reivindicativas, retranca, e, en concreto hoxe, con moitas sorpresas que de momento é imposible revelar.