Galicia perde a Manuel Vidán, un dos seus grandes filólogos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOSE CASTRO

O catedrático de latín santiagués destacou como experto no campo da toponimia

30 jul 2019 . Actualizado a las 17:02 h.

Galicia vén de perder a un dos seus grandes filólogos e historiadores. Manuel Vidán Torreira, nacido en Santiago e afincado dende hai anos na Coruña, faleceu aos 95 anos, deixando tras de si unha importante contribución no ámbito académico e cultural. Provisto dunha profunda formación en filoloxía, historia, teoloxía e outras materias, exerceu profesionalmente como catedrático de latín. Participou, por exemplo, na tradución ao galego da Biblia, entre outros moitos textos. E foi autor tamén de numerosos traballos académicos e de investigación, especialmente sobre a historia da lingua galega, dando a coñecer moitas das súas achegas a través de La Voz de Galicia, como colaborador e firma habitual de seccións como «Da nosa fala» e «Verbalia».

O interese pola orixe e significado das palabras, pola etimoloxía en xeral, chegoulle a Manuel Vidán cando estudaba no seminario e acabaría destacando como experto no campo da toponimia. Unha das súas teses máis sonadas, tivo que ver coa Ribeira Sacra. As investigacións do filólogo sostiñan que houbo un erro dun cronista beneditino do século XVII, que interpretou erradamente os documentos medievais que falaban da Rivoira Sacrata, nome que en realidade que aludía a unha carballeira.

O santiagués mantivo unha estreita vinculación co galeguismo e a principios dos anos 50 formou parte do primeiro grupo que xurdiu trala Guerra Civil, xunto a outros mozos do seu tempo coma Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lugrís, Gonzalo Rodríguez Mourullo, Baldomero Cores ou Francisco Otero Guldrís. Foron a semente da coñecida como Xeración das Festas Minervais.

O corpo de Manuel Vidán chegará a partir das 12.00 horas á sala 4 do tanatorio Servisa (avenida Pasaxe, A Coruña), onde familiares e coñecidos poderán darlle un último adeus.