Consulta a programación completa da primeira edición do TradFest en Compostela

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Unha vintena de actividades animarán a xornada do venres da man do novo festival do Apóstolo

25 jul 2019 . Actualizado a las 18:55 h.

Unha vintena de actividades (todas elas gratuitas) conforman o programa do festival TradFest, que se presenta en sociedade o venres 26, no marco das Festas do Apóstolo, apostando pola música e danza galega, vistos dende unha visión contemporánea e internacional, en conexión con outras correntes da world music. 

  • 11.00 a 12.30 horas. Folión ambulante con Os Fondaos do Pífaro. Saída da Praza de Mazarelos - Toural - Alameda - Obradoiro.

Os Fondaos do Pífaro é un grupo das Terras de Compostela que leva percusións tradicionais á moda das Treboadas do Baixo Miño e das formacións de bombos da rexión centro de Portugal. Doce instrumentos de percusión que se fan acompañar das ancestrais melodías do pífaro de canaveira, ou da recentemente resucitada gaita de barquín.

  • 11.00 horas. Obradoiro infantil de danzas con Zampadanças. Parque de Bonaval

Zampadanças é un espectáculo participativo pensado para achegar, dunha forma lúdica, aos máis cativos da casa aos bailes do mundo. A partir dun libro onde as receitas dan o mote á danza, de receita en receita apréndense pasos e formas de bailar sabores do mundo. Mercedes Prieto e Sergio Cobos conducen este obradoiro. 

  • 12.00 horas. Concerto de músicas de raíz con Cheny Wa Gune (só). Praza de Mazarelos.

Cheny Wa Gune é de Mozambique, cunha fonda relación nos países da lusofonía. Embaixador do instrumento nacional do seu país, a timbila, unha marimba especial que acompaña a súa voz. Cheny é coñecido en Santiago pola súa colaboración durante anos con Fran Pérez (Narf). Para o TradFest ofrece un concerto en solitario pola mañán e outro a trío co brasileiro Paulo Silva e o galego Pablo Pérez.

  • 13.00 a 14.30 horas. Performance: Baile no comercio local con Óscar Cobos. Saída da praza de Cervantes: 13h Couceiro / 13:15h Feixoo: Katy + Sequelo: de Cotío / 13:45 Vilar: Xastrería Pepecillo / 14:15h Mercado Abastos.

Encomenda especial do TradFest para un bailarín da cidade que retorna logo dunha década polas Américas. Óscar Cobos fará microintervencións de baile tradicional mesturado co contemporáneo nalgunhas tendas señeiras de Compostela coas músicas compostas polo seu irmán Sergio Cobos, tamén bailarín e acordeonista para esta ocasión. E haberá sorpresas...

  • 13.00 a 14.30 horas. Pasarrúas con Do Fondo do Peto. Saída Praza de Praterías- Vilar - Toural - Mazarelos - Mercado de Abastos.

Do Fondo do Peto é un grupo da cidade de música tradicional, coñecido por animar pasarrúas e bailes e tabernas. Fan un repertorio instrumental e cantado sobre as bases da cultura musical galega do siglo XX, desde foliadas das agrupacións folklóricas a cantos popularizados nos últimos anos, sempre co sabor dos grandes intérpretes e coros orfeonísticos ao son da gaita, traverso, tambor, bombo e pandeireta.

  • 13.00 horas. Sesión vermú musical co concerto de Caamaño&Ameixeiras. Praza 8 de Marzo.

Antía Ameixeiras (violín) e Sabela Caamaño (acordeón cromático) son dúas virtuosas que desenvolven neste proxecto músicas europeas para danzar na estética do "bal folk". Para estes concertos do TradFest terán convidada especial á cantora Belén Tajes. 

  • 16.30 a 18.00 horas. Folión ambulante con Os Fondaos do Pífaro. Saída da Praza 8 de Marzo - Casas Reais - Cervantes - Preguntoiro - Mazarelos.
  • 16.30 horas. Obradoiro infantil de danzas con Zampadanças. Parque de Bonaval.
  • 18.00 a 20.00 horas. Performance: Baile no comercio local, con Óscar Cobos. Saída Rúa do Vilar: Sombreirería Iglesias / 18.30h Nova: Xoias Amboa / 19h Vía Sacra: Casa das Crechas / 19:30h Troia: Acivro Xoias.
  • 18.00 horas. Concerto e baile aberto con Caamaño&Ameixeiras. Praza 8 de Marzo.
  • 18.30 horas. Obradoiro de baile galego coa Gentalha do Pichel. Praza de Mazarelos.
  • 19.00 horas. Obradoiro de danzas europeas co Grupo Monteira Danzas do Mundo. Praza 8 de Marzo.

Obradoiro para todos os públicos sobre danzas europeas como o círculo circasiano, chapeloise, polca, schottische,... moi sinxelos e participativos. O Grupo Monteira é de Vigo e leva máis de 15 anos promovendo este tipo de bailes que supuxeron o rexurdimento da música tradicional en Centro Europa nos anos 70 por vía do chamado "bal folk" .

  • 20.00 horas. Concerto e baile aberto con Obal. Praza 8 de Marzo.

Obal é unha banda formada por Jaime Rebollo, Iván Costa e Diego Langarika, cos seus atípicos instrumentos: bouzouki, sanfona e nyckelharpa. Trae a súa música dende o Morrazo, onde nace este proxecto pensado e creado desde o baile. Acaban de lanzar o seu primeiro disco “Baile em Massó” que tocarán para o TradFest.

  • 20.00 horas. Concerto e baile aberto con Handle with Swing. Praza Roxa.

HWS fan "handmade jazz" ao estilo do "gipsy swing”,que ofrece degustar musicalmente un menú de moito swing con guarnición crooner, maridado con viños bluseiros e doces de bo rollo.Todo cociñado con músicas a medio tempo e luz a medio gas. HWS son Manuel Gómez no piano,Tomás Porteiro na guitarra solista e Xabier Mera na voz e guitarra rítmica

  • 20.00 horas. Concerto de músicas de raíz con Cheny Wa Gune Trío. Praza de San Martiño Pinario.
  • 20.00 horas. Serán (concerto e baile) con Os da Porfía. Praza da Quintana.

Un serán, deses que se fixeron toda a vida e desapareceron, ata que un grupo de xente se propuxo recuperalos hai uns 30 anos pola memoria daquelas persoas de idade que eran mozas entón. Iso será o que acontecerá na praza da Quintana, onde se contará tanto con esas mesmas protagonistas que seguen a transmitir esta tradición á xente moza coma co grupo Os da Porfía. Man a man, convidarán a subir ao escenario a esas tocadoras da Hermida, Gargamala, Regodobargo, Arcos, Toutón,… a armar un serán en toda regra no palco grande das Festas do Apóstolo. 

  • 20.30 a 22.30 horas. Cantos de taberna cos Muiñeiros do Sarela. Saída do Mercado de Abastos / 20.30h A Sucursal / 21.10h Nave 5 / 21.50h Bierzo Enxebre / 22.30h A Gramola.

Os Muiñeiros do Sarela son un colectivo que crea un espazo participativo e aberto para divulgar a música tradicional de Galicia e facer que o público cante con eles cancións tabernarias, as de toda a vida.

  • 21.30 a 22.00 horas. Pasarrúas da Banda de Gaitas de Forcarei. Saída da Rúa Nova - Teatro Principal - Praza Feixoo - Cervantes - Acibechería - Praza da Quintana.
  • 22.00 horas. Gran concerto do TradFest con “Os camiños de Breogán”: Banda de Música de Silleda, Banda de Gaitas de Forcarei, Bouba, Suso Vaamonde, José M. López (Josele), Davide Salvado, Begoña Lorenzo, Pablo Seoane. Dirixe: Rafa Agulló. Praza da Quintana.

Trátase dun espectáculo único, artellado para a inaguracion do  Festival Intercéltico de Lorient 2019 da próxima semana, dedicado este ano a Galicia. "Os camiños de Breogán" ofrece un mosaico de cores, sons, un fabuloso encontro entre folclore, música popular e música sinfónica. Unha viaxe ao espazo-tempo, onde as fanfarras populares se alimentan de tradicións e música tradicional para acoller novos ritmos, harmonías e instrumentos. 

  • 22.30 horas. Concerto de músicas de raíz con Tango á rúa. Praza de San Martiño Pinario.

Concerto con baile ao vivo. O bandoneón e piano de BarulloTango (Alejandro Casquero e Alejando Szabo) e a parella OscarAntíaTango (Óscar Cobos) e (Antía Barcia), nun espectáculo que xunta a didáctica, a música e o tango-danza maxistralmente.

  • 00.00 horas.Concerto de fin de festa con Fanfare Ciocarlia. Praza da Quintana.

Fanfare Çiocarlia é unha das mellores bandas en directo que existen. Desde o nordés de Rumanía este grupo de 12 músicos que tocan trompetas, tubas, saxos e percusións fan a danzar a todo o mundo que ten a oportunidade de velos e escoitalos coa súa música balcánica, lendas vivas do gypsy brass.