«Temos un tesouro poético incalculable»

María Doallo Freire
maría doallo O BARCO

SANTIAGO CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

A poetisa compostelá chega ao Barco para participar co seu recital no ciclo De Perto esta tarde na Casa Grande

25 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Yolanda Castaño é unha das referencias da poesía galega na actualidade. Naceu en Santiago de Compostela en 1977 e con só 17 anos comezou a recibir recoñecementos co premio Fermín Bouza Brey de Poesía. Esta tarde, ás 20.30 horas, estará no xardín da Casa Grande de Viloira -en caso de chuvia será na sala Julián Trincado-, en O Barco, para participar como narradora no Ciclo De Perto, como non podía ser doutra maneira, cun recital poético.

-Regresa a Valdeorras para tocar no De Perto...

-Estou moi contenta e moi honrada de poder participar neste ciclo que é un achegamento a diferentes voces. Me interesa moito a diversidade pola que aposta o De Perto e por iso celebro que se acordasen tamén da poesía como un dos grandes discursos baseados na voz e na palabra. No meu caso, este é o xénero que cultivo dende fai 25 anos e formulareino como un achegamento á miña proposta poética e, por suposto, tratando de rachar algúns estereotipos que seguen habendo sobre este xénero.

-A qué prexuízos se refire?

-Algunhas veces a poesía é considerada demasiada afastada, solemne ou tristeiro e serio. Aproveitando o propio título do ciclo, a miña intención é demostrar que todos estamos moito máis preto da poesía do que se cadra pensamos.

-Qué cree que fai falla cambiar neste sentido?

-A mentalidade e o valor que lle damos nós. Porque estes estereotipos poden afastarnos dunha lingua e dunha linguaxe moito máis vibrante do que creemos. Temos un tesouro incalculable, coa tradición poética abraiante que ten o galego, e sería moi triste non aproveitar toda esa potencialidade e non contribuír co noso pequeno grao de area persoal. As posibilidades expresivas da poesía son espectaculares, hai linguaxe poética onde menos a esperamos: na publicidade, nas loitas e nas manifestacións, na música... Compre ampliar a ollada e non limitarnos, darnos conta de que a poesía é un tipo de linguaxe máis simbólico, expresivo e inspirador, e de que enriquece a nosa linguaxe, mesmo a diaria.

-En qué vai consistir o recital?

-Pois irei facendo un percorrido, apoiada en poemas dos meus últimos libros. Tamén darei algunhas claves do proceso creativo, a qué respondeu cada texto dos que vou interpretar e facéndoo ver como algo moito máis natural que forma parte do ritmo da vida. Dende un poema dedicado ao meu vello Ford Focus de segunda man, ata o xeito no que me relaciono coa miña lingua.

-A quén vai dirixido o recital?

-Pois a verdade é que está pensado para todo tipo de público adulto. É certo que teño poesía para primeiriños lectores pero neste caso, sacándoos a eles, está pensada para calquera persoa. Dende xoves adolescentes ata adultos de todo tipo. Non hai que ter ningún tipo de coñecemento previo da poesía, nin ser un grande lector ou unha grande experta neste xénero. Animo á xente a que veña a deixarse levar, coñecer algo máis deste xénero e a comprobar que a poesía non morre.