Paco Nogueiras, músico e actor: «É moi complicado vivir da cultura»

Leva por bandeira o lugar no que creceron el e maila súa vea artística, Conxo


Santiago / la voz

Viviu en Meixonfrío, Amio, e agora en Aríns; pero é pisar o barrio de Conxo, onde creceu, e os recordos brotan como un manancial para Paco Nogueiras. O músico e actor que todos recoñecen por ese chapeu azul que comprou para un entroido e pasou a ser o seu sinal de identidade, di que os seus primeiros pasos como artista tamén foron nese barrio do sur de Compostela. «Cada vez queda menos do que era», afirma con certa nostalxia, ao tempo que lembra os tempos onde todos os mozos da zona se xuntaban no entorno da igrexa e do psiquiátrico.

«Quedabamos para xogar, faciamos as nosas excursións en bici, xogabamos ao fútbol e baloncesto... Todo nun recuncho, onde nos podiamos xuntar ata 80 rapaces. Era o punto neurálxico. O aparcadoiro era o estadio olímpico e na parte de atrás xogabamos á chave os nenos». A súa, foi unha infancia vivida na rúa, «algo case impensable hoxe», apunta. Venlle á memoria aquel Club de Verano e a miniliga conxista que se disputaba no campo do psiquiátrico, na que ata tiñan cabida os propios internos. «Había xente que xogaba moi ben, e en certa forma foi a orixe do CD Conxo», indica o exdefensa do Sporting Furoca (xa daquela un rapaz práctico, dos de «patadón para diante»), rivais da Peña Navegante.

A poucos metros de alí, nacía a primeira asociación cultural do barrio, Arco da Vella, da que Paco Nogueiras é socio fundador, onda a casa do párroco e a gardería. «Unha serie de xente nova e emprendedora decidiu dinamizar a vida do barrio e creouse a primeira biblioteca, un grupo de gaitas, un de baile e un coro. Tiña uns 13 anos cando apareceu a posibilidade de tocar a gaita e non o pensei. Eramos 80 ao principio e quedamos só 3», di o neto de Marcelino (O Barbeiro), gaiteiro e fundador dos Requinteiros da Ulla. «Supoño que de aí me vén a chamada da selva», sinala.

Debut como gaiteiro

A primeira actuación pública de Nogueiras foi, de feito, nas festas de Conxo como parte dese grupo de gaiteiros que, ata un mes antes, soamente tiñan punteiros. «Entón foi cando chegaron as gaitas e durante un mes estivemos vindo todos os días para aprender a tocar tres pezas co soplete mentres camiñabamos dando voltas polo areeiro da gardería», comenta. «A idea de pasar por diante da casa dos seus pais [un albanel e unha costureira que vivían na rúa García Prieto co seu fillo único] poñíame nervioso», confesa.

Xa no IES Eduardo Pondal, uniuse ao seu primeiro grupo de folk, Ophiusa. «No seu momento fomos famosos. Actuamos nas illas británicas un par de veces, en programas de televisión, gañamos algún certame e chegamos a facer dous discos nunha segunda etapa», conta. Con eles perfeccionaría a súa técnica ao acordeón, instrumento que aprendeu a tocar de forma autodidacta, como o ukelele, o piano e a guitarra.

Aínda que moitos o animaron, Paco Nogueiras non optou pola carreira musical ao acabar o instituto, senón polo Graduado Social, decidido a ser un loitador da clase obreira... Ata que a realidade se interpuxo. Así foi como acabou «reubicándome» no mundo artístico, o sino que lle ditaba, como xa vaticinara a súa avoa. Uniuse ao grupo de teatro Os Quinquilláns, no que permaneceu 14 anos, compaxinado estas funcións con outros traballos. Entre eles, como actor e percusionista de Els Comediants (basicamente facendo de cubano na campaña de promoción de Ron Bacardi) ou dando clases de interpretación.

«Pero a vida de artista non daba de comer. É moi complicado vivir da cultura», afirma. Coincidía, ademais, coa súa primeira paternidade e cando xurdiu a oportunidade de traballar nunha tenda de discos da Praza de Galicia (a emblemática Discos Gong) non a desperdiciou. Foi dependente alí 13 anos, ata que a crise afundiu ás tendas de música. Con 40 anos, «atopeime cun futuro incerto». Foi un ano duro, di, ata que decidiu facer «o que realmente me gusta. Empecei a compoñer cancións infantís relaxadamente e a subir vídeos caseiros a YouTube gratuitamente». O último empurrón viría da man de Kalandraka, editorial coa que gravou dous libro-discos que arrasan entre a cativada e cos que leva unha xira dun lustro por toda Galicia.

«A SC-20 estragou o barrio, ¡quen sabe onde houberamos chegado sen ela!» 

Só Nogueiras é quen de cantar ao Apalpador a ritmo de regue. Estaba decidido a facer música en galego, «por unha cuestión de honestidade, e tendo unha cultura tan rica parecíame un pecado non explotala», defende o artista que consegue achegar lingua e acervo ás novas xeracións a través de ritmos modernos. O santiagués, que ten agora unha filla de 16 anos e un de 11, sabe como conectar cos pequenos. Cos seus temas chegou aos lugares máis inhóspitos do mapa galego. «Estou descubrindo unha Galicia marabillosa. Gústame chegar onde outros non o fan, porque o que me interesa é espallar a cultura», di mentres ensina unha axenda repleta de actuacións. Leva 360 representacións con Brinca Vai! (que segue a funcionar tras un lustro) e outras 150 con Radio Bule Bule. Nos últimos dous anos, 90.000 quilómetros. Mesmo actuou un Nadal no corredor dun colexio de Triacastela para oito nenos. Ten visto medrar a moitos rapaces neste tempo. «Son o mellor público de todos, porque non teñen filtro, para ben e para mal», afirma, e dedícanlle os mellores piropos, do estilo: «De maior quero ser Paco Nogueiras». Neste momento o orixinal traballa xa nun novo proxecto para o mesmo rango de idades.

O compostelán, falador e cun gran sentido da responsabilidade, bota en falta dúas realidades que foi perdendo a cidade. Unha é a cuestión idiomática, como foi esmorecendo o uso do galego, e a outra o carácter de aldea. Pola propia evolución da urbe, di, «os vehículos foron abríndose paso, xunto co ruído e as presas», algo do que el foi fuxindo, porque «non me gustan as aglomeracións». Nogueiras fala de recuperar o sentimento de veciñanza, o que aínda con todo mantén Conxo: «A SC-20 dóeme, estragou o barrio partíndoo pola metade, ¡quen sabe onde houberamos chegado sen ela!».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Paco Nogueiras, músico e actor: «É moi complicado vivir da cultura»