Martiño Noriega: «Teño a sensación de ter sementado moito, mais de ter recollido só parte»

O rexedor pide catro anos máis en Raxoi para «pechar o ciclo» e presume de gasto social e de diminuír a débeda


santiago / la voz

Ao actual alcalde de Santiago hai quen lle reprocha que nacera na Coruña, pero aquilo foi, explica, «algo anecdótico». Simplemente, a súa nai púxose de parto unha fin de semana que o seu pai estaba de viaxe de traballo e que ela aproveitara para visitar á familia. Mais el criouse no Ensanche compostelán ata que os seus pais fixeron unha casa en Teo, concello do que foi rexedor antes de dar o salto á capital de Galicia. Ademais, Martiño Noriega, de 46 anos, tamén estudou Medicina na USC e traballou primeiro no centro de saúde das Fontiñas, e logo no 061.

-Foron catro anos revoltos, e máis nas Mareas, así que case que preciso que me aclare se vostede é máis da Fronte Xudaica Popular ou da Fronte Popular de Xudea.

-Pois de ningunha das dúas. Eu son do espazo unitario que permitiu que as Mareas chegaran aos gobernos das cidades, tiveran grandes resultados nos procesos electorais do Congreso e incidencia como segundo espazo político no Parlamento autonómico. É dicir, eu son da fórmula que permite disputarlle a hexemonía aos grandes partidos, ao PP e ao PSOE, e que non asume ser subalterno deles. E é por iso que intentei, máis alá da situación que se deu a nivel galego, que evidentemente resta vento de cola, que aquí se mantivera o espazo unitario, que é o que é Compostela Aberta.

-Esa fragmentación do proxecto das Mareas pódelles afectar?

-Non hai vento de cola como había no 2015, pero tamén é certo que, nese contexto, o feito de que en Compostela só haxa un espazo, sexa unitario e a xente entendera o reto que é gobernar a capital do país, permite unha lectura positiva dentro dunhas coordenadas progresistas e de esquerdas.

-Nestes anos comprobou que é máis difícil dar trigo que pregoar?

-Esa é unha cuestión que xa experimentara previamente no Concello de Teo. E por iso, cando cheguei a Santiago, a pesar da ilusión que xerou a vitoria, na campaña non fixen grandes compromisos porque era consciente da situación na que iamos atopar o concello despois do que foi un proxecto político esgotado, o de Pepe [Sánchez Bugallo, PSOE] e o mandato tan convulso do PP cos tres alcaldes. Eu sabía que ía ser moi complicado e que había que ter os pés na terra e non xerar falsas expectativas.

-Dende fóra, por momentos, víuselle algo frustrado.

-Porque a cidade, catro anos despois e segundo fontes oficiais, mellorou en todos os aspectos, respecto a hai catro e tamén a hai oito anos. A cidade non se pode entender só en clave institucional, e menos en Santiago, onde hai cohabitación co Goberno galego e con outras institucións, pero se melloramos en todos os parámetros é que a cidade e todos os seus motores, non só o Concello, están a operar na liña correcta. E ademais creo que a cidade está nun bo momento de oportunidade. Entón, o que me xeraba frustración era que esa realidade fora continuamente velada por forzas políticas que eu creo que sentiron usurpado o seu espazo, e cunha agresividade coa que creo que ás veces confundiron facerlle oposición ao goberno municipal con facerlle oposición á cidade. E iso xerábame frustración, que non se entendera que era necesario, despois dos anos dos que viñamos, positivizar o novo momento.

-Que balance fai do mandato?

-Santiago era un concello moi endebedado. Era a segunda cidade do país en débeda pública, con máis de 47 millóns de euros. É certo que na época de Bugallo chegou a preto dos 70 e que no mandato do PP xa se baixou, pero é que a día de hoxe é de 25 millóns. Iso permite facer políticas públicas e permitiunos priorizar outras áreas, porque captamos case 20 millóns en seis proxectos europeos. Eu estou moi orgulloso de ter duplicado o gasto social, da renda de garantía básica, de multiplicar por sete as bolsas para os nenos ou de ter duplicado os fondos para axuda no fogar e que non haxa lista de agarda. Creo que era o que nos tocaba facer, e que en execución real do social non houbo un goberno que executara tanto en Santiago ao tempo que diminuíra a débeda e que captara fondos. A min paréceme un círculo interesante. Logo valoro positivamente que se tiveran desbloqueado grandes infraestruturas das que levamos falando moitos anos, que se estea a construír a intermodal coa colaboración de tres institucións, que a Xunta, a petición da cidade e sobre todo do empresariado, impulsara a variante de Aradas e que estea executada, ou de que se ampliara a AP-9 e a súa conectividade no só coa Cidade da Cultura, senón tamén cos barrios de Sar e das Fontiñas. Queda aí o orbital e a EDAR, pero están encamiñadas, e iso tamén é unha satisfacción. Teño a sensación de ter sementado moito, de ter rozado moito, pero de ter recollido só unha parte, e nós demandamos un segundo mandato para pechar o ciclo. Creo na limitación de mandatos e que hai que vivir incómodo na institución, porque se te acomodas ou te apoltronas non es útil para a cidade.

«Sería moi soberbio comprometerme a seguir estando na corporación no caso dunha derrota»

Noriega é consciente de que se xoga moito o 26M e que, aínda que cre que Compostela Aberta é un «espazo consolidado», o éxito o domingo pasa por seguir sendo a forza máis votada das de esquerdas. De non ser así, aclara que «nin por activa nin por pasiva imos favorecer un goberno do PP», mais se non volve a ser alcalde tampouco se compromete a quedar na corporación, porque «un é propietario das súas vitorias e non tanto das súas derrotas, polo que sería moi soberbio pola miña parte comprometerme a seguir estando na corporación no caso dunha derrota. Entran outros factores e eu estarei a disposición do espazo e da cidade», afirma.

-Sobre tres asuntos que foron polémicos, dígame se acertou ou errou e por que. Os problemas de seguridade no Toural.

-Eu crieime en Compostela e problemas de exclusión e seguridade hóuboos toda a vida, incluso de moita maior gravidade. Se non tiveramos xente en risco de exclusión e con pluripatoloxías seriamos a única cidade nesa situación. O que nos tocou foi poñer políticas públicas para intentar minorar esa situación, e creo que se puxeron. Está agora en tramitación con fondos europeos un centro para o senfogarismo. Ás veces é que a persoa que está nesa situación non acepta as axudas, non as quere.

-Os «okupas» da Algalia.

-Nós aí o que criticamos foi a falta de colaboración institucional, o feito de que ao Concello non se lle alertara, así como que durante dous anos non tiveramos constancia de ningunha queixa veciñal respecto da actividade que se desenvolvía nese inmoble. Defendín que todo ese conflito podería terse evitado buscando unha mediación municipal que non se deu. Nós non entramos no debate da propiedade privada, que é espiñento e poliédrico e que na cultura galega ata é sagrado, pero si en por que entramos nun conflito cando non había ningún problema e podía haber unha solución dialogada onde o Concello puidera mediar.

-Non ir aos actos da catedral.

-En termos electorais, non sei se me pode supor un desgaste. Eu intentei establecer un campo de relación non só a través da amizade co deán, senón dunha boa relación coa Igrexa, na que marcamos unha liña de non participar en actos relixiosos como representantes civís. Creo que isto se vive con moita normalidade en moitos Estados europeos e que incluso debera ser a norma. Non me arrepinto.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Martiño Noriega: «Teño a sensación de ter sementado moito, mais de ter recollido só parte»