Fraguas volve pasear por Compostela

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

NOELIA P. OUBEL

Exposicións, lecturas concertos e outros actos promoven o achegamento do público á figura do etnógrafo

17 may 2019 . Actualizado a las 07:08 h.

Compostela festexa as Letras Galegas en multitude de escenarios e con un amplo abano de actos que se prolongan durante toda esta semana e intensificáronse onte. Entre eles, destaca o programa posto en marcha pola Cidade da Cultura, que mostra na Biblioteca de Galicia unha exposición bibliográfica dedicada a Antonio Fraguas, con obras escritas polo profesor e investigador e outras nas que participou como articulista ou prologuista.

A Biblioteca de Galicia tamén realizará un obradoiro lúdico (a inscripción é de balde, en www.cidadedacultura.gal) no que os participantes xogarán a construír e deconstruír un carro tradicional a escala.

Hoxe mesmo, Día das Letras Galegas, a Cidade da Cultura acolle no Museo Centro Gaiás unha lectura participativa e emitida a través das redes sociais, de obras do homenaxeado Antonio Fraguas. Poderán intervir nas lecturas todas as persoas que acudan á cita no Museo Centro Gaiás e desexen facelo. Tamén haberá visitas comentadas, de balde, á exposición «Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia», na que se prestará especial atención ás pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego, do que foi director Antonio Fraguas.

Os actos das Letras estendéronse por moitos concellos das comarcas do entorno de Santiago e dirixidos sobre todo aos escolares. Ademais, entidades privadas como os comercios pertencentes a Santiago Centro, no Ensanche da capital, deron cabida nos seus escaparates a frases de Antonio Fraguas, nun paseo literario que permite ao público achegarse á obra do etnógrafo; ou El Corte Inglés, que organizou sinaturas de libros de Manuel Portas e Arantza Portabales.

Tamén o Consello da Cultura Galega iniciou onte os actos conmemorativos no Auditorio de Galicia co Concerto das Letras Galegas, no que, entre outros contidos, a orquestra folk SonDeSeu, co grupo de baile O Fiadoiro, estreou a peza Suite Cotobade, composta por Rodrigo Romaní e Xaquín Xesteira en homenaxe a Fraguas.