O desexo de Carlos Maside cúmprese 60 anos despois

As vinte e unha pezas que conforman o seu legado poden verse no comedor do pazo de Fonseca despois de que o Consorcio as adquirise


Santiago

Carlos Maside expresou o seu desexo de que a súa obra ficase en Santiago e 60 anos despois a súa vontade fíxose realidade. Por iso, a emoción encheu por momentos o Comedor do pazo de Fonseca na inauguración da exposición coas vinte e unha pezas que forman o legado Maside, que foi adquirido o pasado ano polo Consorcio da Cidade de Santiago e que agora se exhibe ao público.

As palabras de agradecemento a todos aqueles que fixeron posible o cumprimento do desexo do artista foron constantes nas intervencións, destacando que non fora tarefa doada culminar o proceso para que trece óleos sobre lenzo, tres gouache e catro debuxos a lapis que Maside pintou entre os anos 30 e 50, se convertesen en patrimonio da cidade compostelá. «É un día dunha gran satisfacción. Por unha parte, porque Maside forma parte do patrimonio cultural de todos os galegos, e, por outra, porque é a culminación dun proceso que comezou no ano 1958», asegurou Asunción Leiceaga, en representación da Plataforma Maside, que foi unha das entidades que estivo traballando para o cumprimento deste desexo. Nese sentido, agradeceu á familia do artista «polo criterio que seguiron da venta do legado, que foi primar a vontade  do pintor de permanecer en Compostela».

Xulio Maside Rodríguez, que falou en nome da familia do artista, incidiu en que «foron moitas as portas que houbo que abrir para que a vontade de Carlos se materializase»

O legado Maside, que durante os últimos anos estivo depositado na Fundación Granell despois de que a familia o sacase de Vigo no 2014, foi adquirido polo Consorcio de Santiago ?integrado polo Goberno Central, A Xunta e o Concello? por algo máis de 430.000 euros, cunha achega da Deputación da Coruña por importe do 50 %. Precisamente, esta colaboración entre diferentes administracións e entidades foi un dos feitos nos que fixo fincapé o alcalde, Martiño Noriega, ademais de engadir que «damos por ben investido todo o esforzos». Pola súa parte, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, afirmou que «non se podía permitir que estes 21 cadros acabaran repartidos por diferentes puntos». O reitor da USC, Antonio López, asegurou que a Universidade síntese «honrada de colaborar neste proxecto de cidade e tamén de país». Durante a inauguración destacou a intención da Universidade de recuperar algo do xardín botánico que serve de acceso ás dependencias da mostra, uníndolle esa función orixinal a vocación cultural que tomou nos últimos anos como Xardín das Pedras que Falan.

Nas vinte e unha obras do legado hai algunhas moi destacadas, como a das Tendeiras ou a da Costureira. Poderán verse de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. No inverno o horario sufrirá modificacións e pola tarde será de 16.00 a 20.00 horas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

O desexo de Carlos Maside cúmprese 60 anos despois