Xosé Antón Pedreira: «Os libros de narrativa e os de ficción son os que teñen maior demanda»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Hoxe participa na feira de Ferrol e desde o domingo estará de novo na de Santiago

23 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste Día do Libro, Xosé Antón Pedreira estará con parte da súa libraría na Feira do Libro de Ferrol e o domingo na de Compostela. É un profesional con grande experiencia e coñecemento do sector.

-Resultan as feiras do libro?

-Nós levamos as últimas novidades, e libros de fondo interesantes, segundo a experiencia do que pide o público, tendo en conta que nas feiras do libro hai un 10 % de desconto. As feiras non teñen por que ser diferentes aquí a Madrid ou a outras grandes cidades. Son unha oportunidade máis e esperamos que este ano axuden para mover as vendas do libro, que están estancadas.

-Que espera da de Santiago deste ano, xa o próximo domingo?

-Que o tempo axude e que a xente se anime a ir. Haberá moitas novidades editoriais importantes, que é o que máis se pide.

-Hai espazo para o libro electrónico nas librarías?

-A nosa oferta é de libro en papel. O electrónico ten un mercado pequeno. Un recente relatorio sobre a difusión do libro en diferentes soportes reducía o mercado do electrónico no Estado español a un 5-6 %, pouco significativo aínda; e en mercados como o dos Estados Unidos tamén ten presenza minoritaria. E hai que ter en conta as descargas ilegais. Non se dá que chegue unha persoa á libraría e pida un libro electrónico. É un produto que se vende máis en locais especializados e a través de Internet.

-Cal é o forte das vendas hoxe nas librarías?

-Os libros de narrativa e os de ficción son os que teñen maior demanda. O libro infantil e xuvenil é tamén unha parte importante, en especial os álbums ilustrados de grande calidade, en galego e outros idiomas. De teatro e poesía vemos que está a aumentar a demanda os últimos anos.

-E o libro escolar?

-Os libros de texto hai anos que van a peor. Esa foi a causa de que en localidades máis pequenas pechasen moitas librarías, para as que eran moi importantes. Aquí hai librarías que venden libro de texto, aínda que o principal negocio está no fondo editorial.

-Foi directivo da Federación de Librarías de Galicia, fundada en 1977. Que función ten esta entidade?

-Actuarmos como un gremio unido e forte favorece ter unha mellor atención, sobre todo na relación coas Administracións. E tamén facilita soporte para a actividade da libraría, para conseguir melloras informáticas e outras. Penso que para calquera actividade comercial estar asociado é importante; e xera dinámicas, dialogo entre nós e vantaxes diversas. Na miña libraría levamos máis de 35 anos asociados.

-O Calendario 2019 do libro e da lectura salienta catro datas en abril, é o mes con máis. Ten algunha influencia iso?

-Si, iso axuda a que se considere cada vez máis como o mes dos libros. Teñen especial relevancia o Día do Libro Infantil e Xuvenil, e o 23 por ser o Día do Libro. É importante porque comezan a saír máis novidades. O Día do Libro aquí non é como acontece sobre todo en Cataluña, onde neste día de Sant Jordi as vendas son enormes.

-Acontece aquí o mesmo o 17 de maio?

-Si, aquí é máis importante o 17 de maio, Día das Letras Galegas, aínda que penso que funcionaría mellor se fose día lectivo; iso faría que saísen máis librarías á rúa.

-Sairán este ano?

-Si, a Federación de Librarías xa xestiona os permisos para poder estar no Toural, ou en calquera praza da cidade. En Santiago, ou en Ourense, hai varios anos que se sae e que resulta ben.

-De poder comezar de novo, sería libreiro ou mudaría de profesión?

-Estou moi satisfeito. Esta é unha profesión que hai que querer, como todo o que ten que ver co libro e coa cultura.