Patricia Arias: «O artigo de Victoria Álvarez sobre a inclusa debería lelo todo compostelán»

Tamara Montero
Tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Oscar Vázquez

Un acto no Hostal dos Reis Católicos lembra esta tarde a figura da investigadora sobre Rosalía de Castro

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Victoria Álvarez foi unha das maiores investigadoras sobre a figura de Rosalía de Castro. O Hostal acolle esta tarde, coordinado pola profesora e investigadora Patricia Arias Chachero, unha dobre homenaxe: á escritora que é a voz de Galicia e á investigadora que lle devolveu a voz á Rosalía real, non a fabricada por Murguía.

-A historia non é como nola contaron.

-Non. O artigo que se repartirá como facsímile demostra que a nai de Rosalía de Castro nunca tivo intención de entregala á inclusa. Rosalía era filla dun cura e dunha muller solteira, non podía casar co pai. Durante moito tempo díxose que a nai a abandonara, que quería deixala no orfanato. Victoria Álvarez fixo un artigo tremendo, demoledor, porque vai demostrando con datos que non se poden rebater que non foi así. A nai de Rosalía levouna a esa pía do Hostal a bautizar nada máis que porque era o único lugar onde non lle ían preguntar quen era o pai.

-Unha das cousas que caracterizaba a Victoria Álvarez é que nunca afirmaba nada sen ter o dato no que apoiarse.

-Si, foi unha investigadora moi discreta, moi eficiente e moito pouco amiga de enunciar algo se non era capaz de demostralo ao 100 %. Como experta en Rosalía é das voces que máis teñen que dicir e que máis estereotipos tirou por terra. Ela demostrou pasando moitas horas no Concello de Padrón que non, que dende moi nena, nai e filla vivían xuntas en Padrón.

-Por que esta Rosalía inventada?

-Foi o propio Murguía quen se encarga en primeiro lugar de reescribir a historia de Rosalía e aí está esa frase famosa de que a historia da muller non importa. Preocupouse de dar unha imaxe. Supervisou calquera palabra que se escribía de Rosalía en vida e enfadouse cando había algo que non lle gustaba, aínda que fose verdade. Victoria, aínda que morreu nova, dedicoulle moitos anos e, por exemplo, consigue mercar un libro do XIX, que se utilizou no Liceo de la Juventud, onde hai reunidas un montón de obras de teatro e a carón dalgúns personaxes sae o nome de Rosalía. Sabíase que fora actriz pero no se sabía qué representara exactamente e a importancia que tivera na súa vida. Chegou a viaxar a Madrid pagando os gastos do seu peto buscando se Rosalía estivera matriculada nalgún conservatorio ou escola dramática antes de casar, porque se dicía que fora a Madrid para ser actriz.

-Era unha investigadora especialmente metódica.

-E cunha prosa moi fácil. O facsímile que se entrega mañá é un artigo que todo compostelán debía ler, porque é unha descrición de como entraban os nenos na inclusa, como obrigaban ás mulleres da contorna a aleitalos; como moitas non querían recibir a estes nenos porque moitos deles eran fillos de pais sifilíticos e como chegaron incluso a marcalos con ferro para que as amas de cría, que cobraban por aleitalos, non cambiasen os meniños cando tiñan que presentalos para seguir cobrando.

-Victoria Álvarez amosa a Rosalía real pero socialmente, o seu labor non está recoñecido.

-Cando ela faleceu, eu coñecía unha parte da obra e doeume un pouco como se deu a noticia, todos os medios dicían «esposa de Alonso Montero e autora dun libro de Rosalía para nenos». O propio Xesús Alonso Montero facilitoume bibliografía e é asombrosa.

Lectura de artigos e poemas

Hoxe • Hostal dos Reis Católicos • 20 horas • Na homenaxe, presentada por Valentín García, intervirán de Dolores Vilavedra e Xesús Alonso Montero, así como con Amancio Prada, Laura P. Landeira, Helena Villar Janeiro e Carmeliña. Na foto, Victoria Álvarez.