O franquismo é unha selva


O pasado é un país estraño. Esta expresión de Lowenthal queda curta no caso das estatuas do pórtico da Gloria que aínda están en mans da familia Franco e que son reclamadas polo Concello de Santiago. Neste caso, ao pasado vaille mellor o cualificativo de selvático. Estraño ou selvático, ese pasado necesita mapas e guías para non perderse. O pasado é unha realidade complexa que ningunha disciplina ou persoa pode patrimonializar. A descuberta dunha significativa carta de Filgueira Valverde por Prado Vilar, recollida neste xornal na información de Héctor Porto, vén confirmar o carácter descoñecido e multiforme do pasado e tamén a necesidade de intérprete. En España todo o mundo ten unha idea do pasado e, canto máis complexo, máis clara se presenta a súa explicación. Abonda escoitar aos novos falanxistas reivindicar a Reconquista, esa epopea que todos os que a viviron foron conscientes de protagonizar ao longo de oito séculos, como amosan as fontes históricas da época. Ou será máis ben unha idea construída entre catrocentos e mil douscentos anos despois para explicar nos libros da escola nacional un pasado desa nación que por entón se está a construír? Vai ser isto último, pero ilustra ben o asunto.

Esta achega de Prado e Porto, do historiador da arte e o xornalista, supón outro novo desmentido da letra da sentenza da xuíza madrileña, pero ademais tamén cuestiona cun potente argumentario a identificación das estatuas en canto aos profetas representados nelas, demostrando canto pode o pasado confundir ao presente e a cautela que esixe a súa indagación. Por suposto que o pasado sempre é máis claro e coherente cando o manipulamos dende o presente. Leonardo Sciascia contouno moi ben en Il Consiglio d’Egipto. Por iso é de agradecer este traballo que pescuda no pasado máis incómodo, porque máis coñecemento sempre é garantía de máis liberdade. Identificar esixe contextualizar, pero ademais o presente require sempre interpretar. Non está de máis aproveitar este caso para reparar en que a desfeita que o franquismo fixo do patrimonio aínda non a amañou a democracia. O golpe de Estado que trouxo a ditadura e destruíu a República destruíu tamén a súa lei de protección do patrimonio histórico de 1933. Tampouco nisto podemos ser adanistas.

Se ademais de complexo o pasado é moi incómodo e bastante recente, daquela a memoria persoal ou familiar xa abonda, sen mediación ningunha. Ese vén sendo o problema no caso da sentenza das estatuas redactada pola xuíza Medrano e mais dos argumentos -puramente lendarios- da familia Franco e viceversa. A información publicada por este diario confirma que a mellor proba do roubo das estatuas polos Franco é precisamente a ausencia de proba ningunha. Si, pode resultar paradoxal, contraditorio e ata inverosímil actualmente, en termos de dereito positivo, sobre todo para quen se guíe pola Lei de Procedemento Administrativo (aprobada na súa versión franquista tres anos despois da desaparición das estatuas), pero explica á perfección a lóxica dunha plutocracia golpista que non pode entenderse dende un relato negacionista da Historia e autocompracente co propio pasado doméstico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
47 votos
Comentarios

O franquismo é unha selva