Novos versos para o Xardín das Pedras que Falan

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

Descubríronse pedras con textos de Marta Pessarodona, Kerstin Hensel, Zéno Bianu, Bernardo Atxaga e Valle Inclán

18 mar 2019 . Actualizado a las 21:35 h.

Verbas de Valle Inclán, Marta Pessarodona, Kerstin Hensel, Zéno Bianu e Bernardo Atxaga incorpóraronse ao Xardín das Pedras que Falan, en Fonseca. Así, xa se poden ler nove dos corenta chanzos previstos nesta iniciativa, ao estar colocados previamente os textos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney, Luz Pozo Garza e Antonio Gamoneda.

Na descuberta destes novos chanzos da espiral participaron dous dos autores homenaxeados, Zéno Bianu e Bernardo Atxaga, así como o neto de Valle-Inclán, Xaquín del Valle-Inclán. O acto estivo presidido polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o reitor da Universidade, Antonio López; e o autor do proxecto, Suso de Toro. 

Zéno Bianu leu para a ocasión un poema que escribiu hai anos no que a pedra, precisamente, actúa como eixo; mentres que o neto de Valle-Inclán optou tamén por ler un texto do escritor. Fernando Atxaga, pola súa parte, lembrou que dende hai miles de anos pedras e poemas foron xuntos, xa que estes últimos xurdiron en torno á morte. Un vencello que recolle nos versos en vasco ?os textos están nas linguas dos autores? da súa pedra. «Lo que más ayuda a la muerte en su labor destructora es la indiferencia. No debemos ser indiferentes», afirmou.

Pola súa parte, o alcalde, Martiño Noriega, desexou que esta homenaxe á literatura dende este xardín siga medrando nun momento que en que «toca reivindicar os libros». Engadiu que a «intervención ten unha gran carga simbólica porque coloca no epicentro a homes e mulleres que teñen construído diferentes universos literarios».

O reitor da USC, Antonio López, pechou o acto asegurando que «oxalá sigamos plantando pedras con verbas que nos sigan falando ao corazón» e asegurou que «se hai un sitio no que os versos deben quedar en pedra é en Santiago»