Manuel Sanmartín: «A cifra mínima de bombeiros no parque debería estar entre 52 e 54»

Xurxo Melchor
xurxo melchor SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

No que vai de ano xa se xubilaron outros tres traballadores, polo que o o corpo quedou agora con só 38 persoas

10 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo dun período no que o corpo quedou sen xefe, Manuel Sanmartín Chao (A Estrada, 1981) incorporouse en novembro a un posto que é para el todo un reto. Arquitecto de profesión, traballaba con anterioridade como funcionario na Xunta e decidiu asumir un reto no que polo de agora se sinte satisfeito e motivado para liderar o proceso de modernización tecnolóxica do servizo.

-Tras estes primeiros meses no cargo cales diría que son as necesidades máis urxentes que teñen os Bombeiros?

-A necesidade máis urxente que hai é a de persoal. Hai unha limitación para a incorporación de novos funcionarios, que é xeral [a lei Montoro] e só se poden suplir as baixas das xubilacións. Nós agora estamos nun proceso de incorporación de xente e pretendemos polo menos cumprir a taxa de reposición dos xubilados para non ir a menos. Esa é a demanda fundamental. A partir de aí, a modernización do servizo. O sistema de telecomunicacións, a centraliña, a adquisición de vehículos. O escaleira que temos aí fóra é do 82, ten só un ano menos ca min, e hai que cambialo. Tamén precisamos a adquisición dun vehículo para a zona vella e a partir de aí ir renovando material. Hai que comprar equipos de respiración, novos cascos... hai que investir neso.

-Cantos traballadores conforman actualmente o parque?

-Agora mesmo somos corenta bombeiros, mais hai dous que xa están nas vacacións previas as súas xubilacións, polo que en realidade somos xa só 38.

-Cantos se xubilaron neste ano?

-Neste ano xa van tres.

-E cal é a idade media dos bombeiros en Santiago?

-Pois o dato exacto agora mesmo non o sei, mais debe andar polos cincuenta anos.

-A renovación é, polo tanto, obrigatoria.

-Si, o que pasa é que a realidade é que desde o 2006 non se incorporou nin un só novo bombeiro ao parque.

-E non será por falta de oferta, porque este traballo sempre estivo moi ben considerado. Haberá moitos candidatos, imaxino.

-Agora mesmo estamos ca oposición de acceso libre a bombeiro condutor [o Concello oferta sete prazas]. Non sei cantas solicitudes hai, pero si que son máis de cen. Demanda existe. Isto é algo que está a pasar en todos os parques das cidades, que a xente vaise xubilando e se aplica a taxa de reposición, polo que está a haber exames. Hai pouco houbo en Vigo, está a haber en Lugo e vai habelos na Coruña. Xente hai preparando as oposicións, o problema son as limitacións á contratación que se impuxeron aos concellos.

-Imaxino que en outras cidades tamén sofren esta carencia de persoal.

-Si. Cando entrou en vigor a taxa de reposición en Santiago xa estaba minguado o cadro de persoal, xa eran menos dos que correspondía. Hai que ter en conta que no 2006 chegamos a ser 75 bombeiros.

-Cantos bombeiros tería que ter o parque como mínimo?

-Nós nos organizamos en quendas de nove. Así que cinco quedas de nove dan 45 bombeiros, mais a iso hai que sumarlle vacacións ou baixas, polo que a cifra mínima de bombeiros no parque debería estar entre 52 e 54.

-Esta semana presentaron os traballos de modernización de dous dos camións do parque. Como vai mellorar a súa capacidade operativa ter cámaras con visión vista de paxaro ou sensores?

-En primeiro lugar, a nova pintura aporta unha imaxe que é recoñecible a nivel europeo, xa que é importante que os estranxeiros que veñan a visitarnos ou os que fan o Camiño saiban que están ante un vehículo de bombeiros [incorpora o deseño aprobado pola Unión Europea], así como unha maior visibilidade [polo uso do amarelo] e rápida identificación. Ademais, ten a tecnoloxía que está nas normativas da UE, como a sinalización ou a iluminación, e tamén as medidas de seguridade. As cámaras 3D son para ver o que hai arredor porque é importante controlar posibles obstáculos ou a presenza de xente por detrás do vehículo cotilleando e que pode levar un golpe. Así que digamos que sobre todo aporta maior seguridade.

-Despois de ver o balance de actividade do corpo no 2018 chama a atención saber que a metade das súas intervencións as está a provocar a avespa velutina.

-Practicamente todos os días temos unha saída por mor da velutina e temos días nos que pode haber ata vinte saídas. O ano pasado estivemos entorno a 1.200 intervencións e este ano a previsión é que sexa aínda maior. Xa fixemos unha compra de aerosois de 3.000 euros para este ano e cremos que non nos van chegar. A maiores temos o veleno, para cando non nos damos acercado a menos de cinco metros e temos que inxectalo, e estamos incluso considerando a posibilidade de empregar algún tipo de fusible que estea homologado para uso con velutinas porque hainas por todos os lados.

-E recibiron algún tipo de formación especial?

-O traballo de controlar os niños de avespas e abellas xa se facía, pero das especies autóctonas, que son menos conflitivas. Nós temos traxes específicos para o traballo con velutina, así como material específico e a xente está formada, si.

-Vista a dimensión do problema, non debería haber un organismo autonómico de loita contra a velutina?

-A velutina xa non é un problema só de Galicia, está aparecendo noutras comunidades. O problema é que se non existe coordinación non imos nunca a controlalas. E dicir, se se retiran os niños en Santiago, como estamos a facer, pero non se fai o mesmo nos concellos limítrofes, as avespas van seguir chegando. Imaxino que dende a Xunta se estará investigando, mais agora mesmo o único que está centralizado son os avisos, que os leva o 112. Pero se só en Santiago anulamos 1.200 niños nun ano, é doado ver que son cifras escandalosas.

«A modernización dos vehículos sobre todo aporta visibilidade e

maior seguridade»

«Practicamente todos os días temos unha saída por velutina e hai días de ata vinte»

«Se o parque se comarcaliza habería que dotalo de máis persoal e de medios»

Un dos asuntos que Sanmartín ten sobre a mesa do seu despacho é a posible comarcalización do parque de bombeiros, que moito se fala dela dende hai anos pero que parece estancada. El admite que non ten moitas novas sobre o asunto. «Sei que está o edificio sen facer de Salgueiriños, que está parado dende hai moitos anos, pero nada máis», explica.

-Como experto, cre que a comarcalización faría o servizo máis operativo?

-Habendo vontade todo é posible. Obviamente, se pode facer, pero hai que ter vontade para dotalo de medios e de persoal. Se o parque se comarcaliza hai que dotalo de máis persoal e de medios, porque nós agora mesmo podemos facer unha saída de cada vez, pero se pasamos a cubrir máis municipios temos que poder garantir que podemos atender un incendio en Santiago e un rescate en Ames, por exemplo. Precisariamos máis vehículos e persoas e eses son os puntos que creo que teñen que estar a negociar a nivel político, como canto vai aportar cada concello, canto a Xunta e a Deputación...

-O problema é que hai que non quere aportar nada...

-Hai unha forma de financiamento, que a directa que fai o Concello, e outra que é a través das contribucións especiais que van nos seguros de incendio. É dicir, os municipios xa todos van ter dereito a un fondo para financiar bombeiros. O problema é dotar de persoal e de medios, determinar cal vai ser o mínimo de traballadores, cantos vehículos ten que haber e onde se vai situar o parque, que imaxino que sería Santiago, pero hai que ver que se poidan cubrir todos os municipios dos que dependa o parque.

-E se ese futuro parque comarcal estivera en Salgueiriños estaría ben situado?

-Habería que estudalo. Entendo que debería estar en Santiago, porque as comunicacións son boas e a maior parte da poboación está situada en Compostela, Ames e Teo, que están xuntos.

-Se non vai o parque comarcal, canto tempo poden seguir metidos nestas instalacións?

-Aquí metidos levan os Bombeiros provisionalmente cerca de trinta anos. As instalacións son as que son, son mellorables. Obviamente, están antigas aínda que se fixeron reformas. Xa se ve que non temos espazo para manobras, que compartimos espazo ca estación de autobuses, que estamos moi limitados para facer prácticas e que os camións teñen que entrar sempre marcha atrás.