Producións Excéntricas celebra o seu décimo quinto aniversario con «Carpe diem» 

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

Montse García

A compañía estrea a obra baseada no texto de Rubem Fonseca este mércores no Teatro Principal

25 feb 2019 . Actualizado a las 18:20 h.

Producións Excéntricas estrea «Carpe diem» con tres funcións no Teatro Principal dende este mércores ata o venres (20.30 horas). Deste xeito, a compañía celebra o seu decimoquinto aniversario representando un conto de Rubem Fonseca no que o adulterio e o crime son os protagonistas. Unha montaxe, segundo destaca o director, Quico Cadaval, que tamén é «unha homenaxe ao cinema», que estará moi presente tamén no espectáculo, xa que nel mestúranse teatro, música en directo, proxeccións de filmes e narración oral.

O espectáculo estará protagonizado en escena por María Costas, Marcos Viéitez e Víctor Mosqueira, ademais da música en directo de Mon Orencio, Mr. Cool, que poñerá ritmos de samba e bossa nova coa súa guitarra e trompeta. Os actores María Costas e Víctor Mosqueira anuncian que se trata dunha proposta «moi divertida».

O día da estrea, este mércores día 27, ao remate da representación haberá unha sesión de posfunción, onde persoas relacionadas coas temáticas tratadas na peza ofrecerán o punto de vista práctico, o que quere dicir a obra. Tras iso, o debate abrirase ao público e ao elenco.

O espectáculo teatral forma parte da programación escénica do Concello de Santiago e está incluído no circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic. O director deste organismo, Jacobo Sutil, saleintou que esta proposta «é algo diferente ao habitual de Excéntricas, posto que se trata dunha trama policial». Ademais, fixo fincapé no achegamento que supón ao ámbito lusófono e a introdución da música en directo. Pola súa parte, a tenente alcalde de Santiago, María Rozas, incidiu na presenza de «actores de primeiro nivel».