Na fronte unha estrela; en Compostela un cantar

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Santiago e Padrón celebran hoxe o aniversario de Rosalía de Castro con música, versos, ofrendas florais e mais un caldo de gloria na Casa da Matanza que preparará Ledicia Costas

24 feb 2019 . Actualizado a las 18:19 h.

A carón do Camiño Novo nacía en 1837 a poesía. Máis de cento oitenta anos despois, ao pé dunha casa que xa non é, engulipada polo cemento que fixo medrar Compostela nos 60, Os Carapaus tocaban a primeira Alborada. A cidade celebraba que foi o berce da muller pola que Galicia fala. Un paseo dende a praza de Vigo ata a Alameda para engalanar con flores o monumento á escritora serviu de preludio para o acto institucional, inzado de música e de poesía a carón da pía na que hai case dous séculos Rosalía de Castro foi bautizada.

Santiago foi o berce, pero Padrón foi a casa. Pola tarde, recendía na casa da Matanza. Preparar o caldo de gloria era este ano cousa da escritora Ledicia Costas. Canda ela, Angelita G. Tuñas, Esther Muíño e Laura Prado, de Mazaricos, andaban cos bolos de pote na homenaxe que a Fundación Rosalía fai a aqueles versos onde se relataba a épica da supervivencia.