Inés Silvalde e Delio Sánchez: «Queremos dar voz aos artistas do noso país que teñan algo que contar»

Abriron hai dous anos un espazo de arte na compostelá rúa das Rodas


 Os artistas noieses Inés Silvalde e Delio Sánchez dirixen o espazo de arte Os Catro Gatos, en Santiago de Compostela. Este pasado día 4 de febreiro cumpríronse dous anos desde a súa apertura. Un espazo de traballo e exposición que comparten con outros artistas.

Corría o verán do ano 2016 cando, nunha xuntanza de varios artistas da contorna compostelá, Inés e Delio víronse por primeira vez. Tras identificar os seus lazos coa vila de Noia, intercambiaron a idea de buscar un espazo en Santiago, algo que os dous tiñan en mente desde había tempo. Inés quería un lugar no que poder pintar, pois onde vivía por aquel entón non tiña estudio. Delio, pola contra, pretendía abrir as portas a outras miras máis ambiciosas pois, ademais de traballar cos seus proxectos artísticos e dar a coñecer as súas obras, buscaba un sitio onde poder argallar actividades, colaborar con outros artistas, un lugar de encontro. E de aí saíu a idea de facelo xuntos. «Nada hai que perder -dixeron-, así que, adiante!». E brindaron cunhas cervexas co resto dos compañeiros. Estes dous amosaban ser xente con puxanza. «Nesta mesa as ideas xorden coma se non houbese mañá» -pensaba eu.

O número 13 da rúa das Rodas, en Santiago de Compostela, tamén caeu por casualidade nas súas vidas. Martelo, rodillo e pintura na man comezaron a perfilar as súas intencións nese pequeno espazo, anteriormente dedicado á venda de xoias. O local levaba pechado unha morea de anos, como se estivese esperando polos noieses.

Pero, por que un local na Cidade Vella? Pregunto.

-A rúa das Rodas gustounos por ter unha situación estratéxica. Está localizada na antiga muralla da cidade, na Porta do Camiño; a rúa de San Pedro, o CGAC, o Museo do Pobo Galego ou a Zona C son puntos limítrofes co seu espazo. E preto, tamén, atópanse outros espazos abertos ao mundo da arte.

Por que este nome de tanta forza xa na historia da arte?

-Despois de dous meses de duro traballo, quedou un local dividido en dúas zonas. Unha de taller e outra de exposición. Agora, unicamente faltaba poñerlle o nome… e saíu: Os Catro Gatos, en recordo daquel famoso café barcelonés, Els Quatre Gats, onde se xuntaba Picasso cos seus contemporáneos. E, así, nos presentamos en sociedade o 4 de febreiro de 2017 ante un centenar de persoas que tiveron a ben acompañarnos nese momento tan importante para nós.

E alí estaba eu vendo como se materializaba a idea daquela conversa da que fora testemuña meses atrás. Inés e Delio apostaron dende o primeiro momento por un lugar amigable e humano, coa certeza de que os espazos de arte son lugares nos que a xente terquea por entrar. Por iso tiñan claro que había que dinamizar o lugar con actividades, como encontros poéticos, presentación de libros, concertos, micro-teatro, charlas ou talleres.

Cal é a vosa idea acerca da posible confluencia con outros/as artistas ou espazos artísticos?

-A idea das colaboracións que tiñamos en mente, compartirmos con outras iniciativas artísticas, empezou con La Doce, na cidade de Boiro, galería que dirixe María Magán. Posteriormente ampliamos o noso círculo a outros espazos afíns, como Apostrophe Arte, en Vigo, e a galería Dosmilvacas, en Ponferrada. Ademais, na librería Os Mundos de Carlota, na veciña rúa de San Pedro, temos o que demos en chamar A Quinta Parede de Os Catro Gatos, onde as nosas exposicións gozan de continuidade.

Galicia primeiro. Pero, mantedes algunha relación ou actividade internacional?

-Anualmente, Os Catro Gatos organiza unha convocatoria na que fai chamada a artistas tanto galegos coma internacionais. A idea da convocatoria é traer as propostas máis innovadoras, nas distintas disciplinas, que se axusten tanto á liña expositiva do noso espazo coma ao criterio do xurado. Os artistas seleccionados teñen, ao longo dun mes, a oportunidade non só de deixar exposto o seu traballo, senón tamén de ofertaren talleres, charlas, e todo aquilo que lles pareza oportuno para completar a súa proposta.

Cal é a vosa idea de «facer país»?

-A convocatoria internacional supón unha proposta coa finalidade de ampliar o espectro de artistas, e abrir as xanelas tamén ao que se está a facer fóra. Pero cabe destacar que Os Catro Gatos ten un especial interese en apostar tamén polo que se está facendo en Galicia. Dar voz aos artistas do noso país que teñan algo que contar, e que queiran facerse oco neste difícil mundo, onde moitas veces as portas son difíciles de abrir e os circuítos da arte moi pechados. Outros moitos, xa recoñecidos, pasan tamén por esta sala, onde a calidade e a profesionalidade son fundamentais na nosa programación.

Así pois, como eles din, Os Catro Gatos é a casa de todos.

Por moitos anos máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Inés Silvalde e Delio Sánchez: «Queremos dar voz aos artistas do noso país que teñan algo que contar»