Un Goya para a tía Cefe no seu 89 aniversario

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O actor Luis Zahera cumpriu o prometido e entregou en Santiago a estatuíña á máis maior da familia

17 feb 2019 . Actualizado a las 22:16 h.

 Luis Zahera recibiu nas últimas dúas semanas centos de mensaxes dándolle os parabéns tras obter o Goya a mellor actor de reparto por El reino. Pero non foi ata este fin de semana cando tivo lugar a «celebración máis especial, a máis calurosa e a máis bonita», recoñece o compostelán. Hoxe tivo unha xuntanza coa súa familia, que asistiu a unha comida en Santiago, no restaurante O Dezaseis, para festexar o 89 aniversario da súa tía Ceferina, Cefe, a quen lle tiña prometido un singular agasallo. Tal e como anunciou, o intérprete galego fíxolle entrega da estatuíña outorgada pola Academia de Cine, xunto con outros dous galardóns recentes, o do Círculo de Escritores Cinematográficos e do Feroz.

A súa particular tesoureira, indicou Zahera, tenlle reservado un lugar nun estante do salón a estes tres trofeos, que compartirán espazo con outros anteriores. «Alí os ten moi coidadiños e moi limpiños», destacou entre risos o actor, o cal confesou que lle facía especial ilusión que a súa tía Cefe tivera o Goya xunto a outros recoñecementos que obtivo. «É a maior que queda na familia», explicou.

O artista santiagués recoñeceu que está vivindo un momento moi doce na súa carreira, tanto polos traballos que lle están chegando como por esta xeira de premios que vén de recibir. «Está sendo unha cadea de cousas boas, que hai que desfrutalas e que non se che suban á cabeza», apuntou Zahera.