Ofrecerá mañá un concerto na Casa das Crechas
04 feb 2019 . Actualizado a las 04:55 h.Mañá • 21.00 horas • Casa das Crechas • 5 euros • «Canto desde sempre», afirma Xoana (Porriño, 1998), que sacou o seu primeiro disco, Dardos, en decembro e mañá actuará por primeira vez en Santiago acompañada da súa banda para presentalo.
Un traballo discográfico no que, por unha banda, busca traballar «a prol da lingua galega», e, ao mesmo tempo, tratar temas reivindicativos «en estilos que normalmente non se desenvolven en galego». Pop, rock, jazz, funky e reggae mestúranse nas dez cancións que conforman Dardos, que mañá interpretará na Casa das Crechas xunto a algúns temas novos. Neles aborda, por exemplo, cuestións como a violencia de xénero ou a inmigración.
A iniciativa de sacar o disco con temas propios foi do seu profesor e compositor da música, José Portela, xa que previamente Xoana interpretaba versións. Aínda que a cantante se mostrou un pouco reticente inicialmente, pronto se convenceu de iniciar ese camiño. «Musicamos un poema de Rosalía de Castro, e gustoume. Entón, quería tamén probar con letra que non se coñecese», explica.
E para facer os textos, botou man da súa nai, Eva Martínez, que «sempre escribira, pero sen chegar a publicar». A primeira canción foi Anceios de liberdade, «gustoume moito porque era do tema da inmigración e fomos facendo máis cancións». Xoana pediulle temas reivindicativos e díxolle que «non quería temas de amor», aínda que «agora hai que matizalo un pouco porque penso que non hai que pechar as portas a nada».
Xoana con este disco tamén se inscribiu nos Premios de Música Independente, que está en fase de votación popular, na procura de abrirse novas portas. «Ao principio vía a música como un hobby, pero José Portela acaboume metendo o gusanillo e, a verdade, é que agora quero que sexa a miña profesión», explica a cantante, que ten referentes musicais moi diversos, desde Rosendo a Adele. Despois de Santiago, actuará o 16 de febreiro en Vigo.