Laura Villaverde: «'Chola a it girl' busca a esencia da muller do rural»

A comedia pode verse ata o domingo no Salón Teatro


Santiago

Ata o domingo • Salón Teatro • 20.30 horas (domingo 18.00 horas) • 8 euros•O humor impregnado de identidade toma ata o domingo o Salón Teatro coa comedia Chola a it girl, na que Laura Villaverde, de Artesacía, se converte nunha youtuber e mecánica de aldea, con sidecar incluído na escena. «É un formato show televisivo, xa que xogamos co espectador: facémolo bailar, cantar, comer... Tentamos que viva unha experiencia con Chola», di a actriz que participa nas residencias do CDG.

-Quen é Chola?

-Unha youtuber e blogueira do rural galego 100 % ecolóxica, pero tamén é mecánica de coches na súa aldea. Activou unha canle de YouTube e un blog no que empezou a dar uns consellos de beleza. O que pretendo é resaltar a imperfección e dicir que hai algo moito máis interesante que vender algo perfecto nas redes. É unha muller que viste de xeito moi grotesco, que ten algo de moitas xeracións, dunha nai, dunha avoa, dunha fillla... É moi forte, moi atrevida e busca estar un paso por diante da sociedade rural na que vive.

-Que mensaxe ofrece?

-O proxecto naceu como algo moi reivindicativo. Vía que as redes sociais cheas de blogueiros de vidas perfectas eran unha mala influencia. Non só para as mulleres que vivimos no rural, senón tamén para as rapazas que non querían vivir nel. Entón, quería mandar a mensaxe de que vivir no rural tamén pode ser tendencia.

-É máis que un espectáculo.

-É transmedia. Non só é un espectáculo escénico, senón que tamén é unha web serie, un blog e unha tenda en liña. Agora, estamos intentando facer unha serie de capítulos máis longos.

-Hai que ir preparado para rir.

-É un espectáculo con moito humor, con moita tradición e con moita identidade. Busca a esencia da muller do rural e tamén do medio rural, para valoralo e elevalo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Laura Villaverde: «'Chola a it girl' busca a esencia da muller do rural»