A Banda das Crechas: «As foliadas están máis vivas que nunca»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

cedida

A formación participará a finais de mes no festival Celtic Connections de Glasgow, onde intentará trasladar o ambiente de cada mércores nas súas actuacións no local compostelán

19 ene 2019 . Actualizado a las 23:29 h.

O seu xermolo hai que buscalo hai case 32 anos. Por aquel entón abría as súas portas a Casa das Crechas e alí citábanse músicos para tocar. «Os primeiros anos era unha cuestión aleatoria, calquera día e cando podiamos quedar. De feito, nin sequera había teléfono móbil co cal era moito máis difícil concordar para coincidir». Así lembra Manuel Amigo os primeiros pasos da Banda das Crechas. Pero foi hai uns dezaoito anos cando decidiron converter esas citas esporádicas en semanais. Deste xeito quedou instaurado os mércores como o día da foliada, coa única excepción do verán. «Nunca se preparaba nada, senón coa xente que houbera, podiamos ser tanto dez como cinco ou catorce», asegura o gaiteiro, que xunto a Quim Farinha son os dous que están desde os inicios.

Pero esa foliada que cada mércores vive a Casa das Crechas foi conquistando novos territorios, entre eles, Escocia. A finais de mes viaxarán a Glasgow para participar nunha nova edición do Celtic Connections. Será a quinta ocasión na que o fagan dende o 2011, xusto despois do seu primeiro e, polo de agora, único disco. «Xa case nos sae acento escocés cando imos», afirma a modo de brincadeira un dos fundadores da banda, engadindo que esta presenza no festival é froito dunha relación de case trinta anos con músicos escoceses: «Para nós é un orgullo, imos cos ollos pechados». E iso que esas actuacións son moi distintas ás que teñen cada semana. A diferenza é o escenario. O día 2 terán o concerto principal no auditorio. Aínda que isto esixe un proceso previo diferente ao de cada semana nas Crechas, «o obxectivo é reproducir o que se fai nas foliadas. É unha cuestión máis de discurso, de meter á xente dentro do que ti fas».

Durante a estadía en Glasgow, tamén participarán na festa galega do día 1 con Xabier Díaz e As Adufeiras como anfitrións, ademais doutros actos. «A nivel musical intentaremos plantexar unha actuación divertida, amena e o máis variada posible sempre», iso si, tendo en conta «que o público é diferente».

A participación neste festival de Glasgow é unha das contadas ocasión ao longo do ano que actúan fóra de Casa das Crechas. «Non é que non queiramos saír, pero imos ás que podemos porque non somos unha banda ó xeito. Trátase dun colectivo moi aberto e todos os membros tocan noutras formacións, noutros grupos, polo que collemos as que se poden». Este ano teñen varias propostas, entre elas, a de acudir ao Festival de Lorient, «no que tamén trataremos de estar». A Glasgow viaxarán Quim Farinha, Xabier Olite, Manuel Amigo, Pedro Pascual, Santi Cribeiro, Xan Pampín, Cibrán Seixo e Davide Salvado.

Medio cento de músicos

Pero, cal é o segredo para manter estas tres décadas as foliadas e a Banda das Crechas? «O que sempre funcionou foi o respecto á calidade dos músicos. Na banda hai xente profesional, menos profesional, afeccionados, xente que simplemente quere ir tocar un par de pezas... Sempre ese punto de colectivo aberto, de non pecharlle as portas a ninguén e de adaptarnos á situación de cada semana foi o que mantivo vivo este espírito que ten a foliada. Se non pasa nada raro, aguantará moitos anos máis», explica Amigo.

Ao longo destes anos pasaron medio cento de músicos, aos que hai que unirlle os eventuais. «Hai unhas semanas apareceu un violinista bretón cunha rapaza de Burkina Faso e foi marabilloso, quedou unha noite máxica. Cousas desas son as que te manteñen vivo e con gañas de facer», asegura un dos fundadores da Banda das Crechas, que engade que «a foliada mantense máis viva que nunca. Só hai que ver a cantidade de público que vén cada semana, que hai que poñerlle unha cadea no piso de arriba para que non baixe máis xente á media hora de empezar». E iso que, nos últimos anos, o tempo da foliada viuse reducida ata a media noite coas novas normativas, «antes podía chegar ata as tres da mañá».

Unha continuidade non só asegurada polo respaldo do público, senón tamén pola presenza de novos músicos, que entran continuamente na banda e na foliada: «Mantéñense máis que viva e aguantará moitos anos máis».