Nicolás González homenaxea ao seu tío-avó Ramón Aller con obras inspiradas nos astros

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

A mostra pictórica «Unha leira na lúa» pode visitarse ata o domingo en San Martiño Pinario

10 ene 2019 . Actualizado a las 04:55 h.

Da terra á lúa e ás estrelas. Esa é a viaxe emprendida polo pintor lalinense Nicolás González Aller nas súas últimas creacións, que se converten nunha homenaxe ao seu tío-avó Ramón Mª Aller, que dá nome ao observatorio astronómico compostelán. «Andáballe dando voltas a irme un pouco para fóra da Terra despois de series centradas no unicornio, Ítaca e o can de palleiro. Entón, aproveitando que o matemático inglés Wilkins lle dou o nome de Ramón María Aller a un cráter da lúa, pois dixen: ‘Vou facer unha leira na lúa, que algo me tocará a min dese cráter en herdanza’. A partir de aí, decidín facer algo distinto nas miñas obras». Parte desa viaxe fóra da Terra -«para escapar un pouco do que está pasando»- pode verse ata o domingo día 13 en San Martiño Pinario na mostra Unha leira na lúa, formada por vinte e sete pinturas, nas que a cor toma a palabra con contundencia.

Nesta percorrido polo universo, que atopou Nicolás González Aller? «Moita luz e cor, que xa me vén dende que tiven unha estadía en África; é o que máis tratei de deixar patente nestes traballos», explica o artista. Cor e luz que están moito máis presentes que noutras das súas series anteriores. «Enlazo estes traballos con outros que fixera sobre o 2006-2007 a raíz da miña estancia en África e agora tamén tratei de darlle máis presenza», engade o pintor, que para a ocasión tamén investigou con técnicas distintas, mesturando acrílicos, óleos, xesos e escaiolas.

A mostra que ocupa o espazo expositivo de San Martiño Pinario e parte do claustro alto comeza cun retrato figurativo feito por Nicolás González Aller nos anos 90 no que, precisamente, aparece Ramón María Aller. O resto son creacións recentes do artista, nas que se detén en planetas, galaxias, constelacións... e, como non, na lúa. Ofrece a súa visión de Perseo, Andrómeda, Pléiade, Venus e Orión, entre outras. «Xa cheguei á cara oculta da lúa antes que os chinos», di cun sorriso. Esta inmersión no espazo é froito de máis dun ano de traballo e de investigacións, con lecturas e como non, observacións, e non só de noite, «porque de día tamén se ven as estrelas e a lúa». González Aller seguirá fóra da Terra nas súas próximas series e exposicións. Deste xeito, ten previsto unha mostra en Ourense tomando como fío condutor as cousas que se levaría para esta estancia.