Carlos Vidal: «A excelencia en idiomas fai centros de ensino diferentes e máis atractivos»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

«Buscamos institutos galegos interesados no intercambio cultural francófono», afirma o profesor

08 ene 2019 . Actualizado a las 20:47 h.

Carlos Vidal fala da formación en idiomas con paixón. Defende os beneficios que supoñen as linguas para o alumnado, para os centros e para a comunidade educativa. Ensinou español en Francia; e galego e francés en Galicia; e presidiu varios anos a Asociación de Profesorado de Francés de Galicia, etapa que finalizou no 2018. «Buscamos institutos galegos interesados no intercambio cultural francófono. Fixemos propostas en cidades como Santiago ou Pontevedra, e outras, que non prosperaron, como pretendíamos», afirma.

-Por que non prosperaron?

-Penso que sobre todo por descoñecemento das moitas vantaxes que iso supón; e tamén deparamos con resistencias en algún equipo directivo, talvez porque se lles esixía máis traballo para organizar horarios e outras cuestións de funcionamento; por iso non se quixeron implicar.

-Que vantaxes supón?

-Moitas vantaxes e moi diversas. Porque a excelencia en idiomas fai centros de ensino diferentes e máis atractivos.

-Como é iso?

-Falo pola miña experiencia, no IES Xosé Neira Vilas de Oleiros. Fomos o primeiro centro galego, e aínda o único, que conseguiu o bacharelato en francés, o Bachibac; e neste curso fomos merecedores do LabelFrancEducation por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores francés, unha prestixiosa distinción, instituída no ano 2012 e da que hai 209 centros acreditados no mundo, só 25 en España. É un recoñecemento que se concede para un período de 3 anos e que esixe unha avaliación positiva para ser renovado.

-Que representa iso na actividade do centro?

-Ofrecemos o francés ao alumnado como primeira e segunda lingua estranxeira. O Bachibac supón un maior esforzo para o alumnado, pois ten máis horas de inmersión en francés en materias como Xeografía e Historia, Cultura Científica, Iniciación á Historia de Francia ou Iniciación á Literatura Francesa. Para mellorar o idioma temos lectores procedentes de países francófonos e organizamos intercambios con centros de Francia. O alumnado fai as probas para optar aos niveis B1 e B2 de francés, que lles abren diversas portas e que lles favorece para a universidade.

-Como favorecen eses niveis para a Universidade?

-De varias maneiras. Nas probas selectivas de acceso á Universidade só se examinan das disciplinas específicas para subir a nota; ao teren a dobre titulación de bacharelato francés e español poden acceder a estudar en universidades francesas; e o B1 e B2 tamén os benefician para conseguir aquí o título universitario.

-Tiveron apoio de Francia?

-A Embaixada francesa colaborou moito, porque en Galicia non había ningún Bachibac. E a Consellería de Educación e a dirección do noso centro, onde aumentou o alumnado de francés. E as familias tamén apoian moito.

-Que conclusións destaca desa experiencia?

-Cantas máis linguas saiba o alumnado de bacharelato máis portas se lle abren para o seu futuro, é importante potenciar as linguas estranxeiras. No noso centro tamén se ensina Física e Química en inglés, un idioma ao que se lle presta toda a atención que merece, como lingua franca internacional que é.

-Ten moita presenza o ensino do francés en Galicia?

-É a segunda lingua estranxeira máis estudada e hai un profesorado moi comprometido e que traballa moito para favorecer intercambios escolares e outras actividades que a fagan atractiva para o alumnado.