Lembran a figura «imprescindible» de Valle-Inclán no seu 83 cabodano

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Representantes da Xunta, Concello e diferentes institucións participaron na ofrenda floral

05 ene 2019 . Actualizado a las 14:32 h.

A figura «universal» de Valle-Inclán foi posta en valor con motivo do seu 83 cabodano. Unha ofrenda floral na súa tumba en Boisaca coa participación de representantes do Concello, da Xunta e de diversas institucións que teñen como referente ao creador do esperpento serviu para recordalo e homenaxealo. «A ninguén se lle escapa a súa excelsa obra, pero tampouco as pegadas que foi deixando por Santiago», manifestou o alcalde, Martiño Noriega, que o calificou como «unha das figuras imprescindibles» de Compostela. Antes, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lembrou a mensaxe de «fonda galeguidade» que trasladou Valle-Inclán.

Pero o acto non só contou coa intervención dos representantes institucionais, senón tamén dos representantes dos colectivos. «Segue sendo o autor máis universal de Galicia xa que nestes momentos foi traducido a 132 idiomas», destacou o director da Casa Museo da Pobra. Pola súa banda, dende o Ateneo de Santiago incidiron no compromiso de Valle-Inclán coa sociedade do seu tempo; e dende a Fundación Valle-Inclán convidaron a que este acto sirva de punto de arranque para «traballar en común e resaltar aínda máis figura» do escritor. O neto do homenaxeado e presidente do colectivo de Amigos de Valle-Inclán relatou aspectos ligados ao enterro do escritor, «nun cementerio civil e sen esquelas», ademais do intento de cobrarlle pola sepultura, que lle fora regalada anos antes.