«Santiago segue sendo música, a pesar dos pesares»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

26 dic 2018 . Actualizado a las 10:19 h.

Alba María leva tempo compaxinando os estudos co traballo. Houbo moito de encaixe fino para rematar a carreira de Filoloxía Galega mentres sacaba e promocionaba un disco, e fai agora un mestrado en profesorado. Sobre o momento cultural que atravesa Compostela, recoñece que, malia os problemas que houbo para tocar en directo polas trabas legais, «sempre houbo locais que arriscan, que pagan e establecen unha relación sólida cos artistas para dinamizar a cidade, como A Borriquita, A Gramola ou ese anaco de zona vella na zona nova como é o Dado Dadá». Por iso, «Santiago segue sendo música, a pesar dos pesares», subliña. En canto á música popular e tradicional, di que sempre se atopou con xente que lle tendeu a man e poucas veces sentiu a competitividade, aínda que «en todas partes hai tensións nesta terra do minifundio, físico e mental». Persoalmente, non comparte «ese concepto de autenticidade que algúns promoven, no sentido novecentista, de que canto máis te achegues ao que se facía antes mellor, creo que podes facelo dende a contemporaneidade e pensando no público xeral». Na regueifa, sempre foi «a pequena nun mundo de maiores», e, lonxe de apoucarse, tratou de sacar partido e aprender canto podía. E tamén o abordou academicamente; mesmo escribiu un libro sobre as orixes. «A regueifa naceu en Bergantiños», conta.

Alba María defínese en medio minuto, nunha das súas improvisacións máis logradas, como unha muller «aparentemente extravertida e tímida nalgúns aspectos insospeitados, moi sentida, porque choro á mínima, moi intensa e unha auténtica ionqui dos mimos». Ela séntese compostelá porque elixiu vivir e quedar na cidade e porque «a maior parte das persoas que quero están aquí e quero estar no lugar de onde sexan os meus afectos».