Fernando González: «Hai persoas que non piden axuda por sentir vergoña de depender de drogas»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

El nuevo director de la UMAD afirma que «o alcohol é un problema moi serio en todas as idades, pola súa extensión e normalización na nosa sociedade»

23 dic 2018 . Actualizado a las 13:27 h.

A Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) de Santiago atendeu este ano a 800 persoas usuarias. Tivo 210 inicios de tratamento, o máis habitual de metadona, con entre 300 e 350 cada mes, afirma Fernando González, recentemente designado novo director, o terceiro da historia do centro. Ten 45 anos, estudou Psicoloxía na USC e exerce na UMAD desde 1999 «practicamente toda a miña vida profesional», afirma.

-Que proxectos ten?

-A UMAD abriu en 1986 e a nosa carteira de servizos ten que se adaptar ás variacións da demanda. O perfil mudou moito. A nosa actividade estaba inicialmente moi centrada na dependencia do consumo de heroína, e agora a maioría das novas demandas de tratamento teñen que ver coa cocaína e co cannabis, con idades e situacións socioeconómicas máis heteroxéneas, de persoas adultas e adolescentes. A miña idea é manter un servizo público de calidade, e dar máis visibilidade ao noso traballo para toda a poboación, para que nos teñan máis presentes e nos vexan como un recurso ao que acudir.

-Non é así xa?

-Hai persoas que non piden axuda por sentiren vergoña de depender das drogas, ven iso como un tema tabú; cando é un problema no que lles podemos axudar. Por iso quero insistir en que nos vexan como un recurso útil.

-Que fan máis, prevención ou asistencia?

-Tamén destacaría a parte social. Traballamos de forma coordinada e, aínda que se poda falar de áreas, a idea é darmos unha resposta integral. Valoramos a saúde física e psicolóxica de cada persoa; e hai unha intervención social importante, pois facilitamos o acceso a recursos que lles podan interesar, de formación, emprego e outros; e apoiamos a súa reincorporación social.

-É suficiente o persoal?

-Somos 17 profesionais, entre especialistas médicos, de enfermaría, psicoloxía, traballo e educación social, monitora ocupacional, para organizar actividades de tempo libre; é un equipo multidisciplinar. Hai estabilidade do cadro de persoal. A maioría exercen na asistencia, para responder á complexidade das adiccións, desde diferentes posicións.

-Esperan pola integración no Sergas?

-No seu momento houbo unha integración funcional. Somos un dispositivo autonómico de saúde mental máis, para o tratamento das adiccións; non teño constancia de que a situación vaia variar. Todo o persoal pertencemos ao Concello de Santiago.

-Actúan en máis concellos, non?

-Na parte asistencial, ofrecemos servizo para 42 concellos da área sanitaria, e poden vir persoas usuarias que teñan problemas co consumo de droga ou dunha conduta aditiva, derivadas ou directamente. A maior afluencia é de Santiago e dos concellos limítrofes. No ámbito da prevención estamos centrados en Santiago.

-Como é a asistencia?

-Utilizamos os programas estándares da carteira de servizos da Consellería de Sanidade, con eficacia demostrada, como os outros centros galegos. O obxectivo é sempre mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

-Tratan moitas recaídas?

-No tratamento dunha adicción, entendemos que unha recaída é algo a traballar, non necesariamente un fracaso; é unha parte do proceso da persoa para chegar ao obxectivo final do abandono do consumo de substancias e resolver a súa adicción. Non se desexan recaídas aínda que, cando acontecen, favorecen que se analicen as circunstancias de por que non tivo éxito o tratamento.

-Atenden persoas que viven na rúa, sen lar?

-Si, traballamos con persoas nesa situación. Veñen á UMAD polo consumo e adiccións de drogas, e nese colectivo son frecuentes tamén problemas de saúde mental acrecentados.

-Ten moito peso o alcohol nos tratamentos da UMAD?

-Para tratar o alcoholismo hai unha unidade específica no hospital. Á UMAD veñen persoas con problemas de consumo de drogas ilegais, fundamentalmente; aínda que moitas consomen varias substancias e, aínda que a principal poda ser a cocaína, poñamos por caso, vemos tamén casos de consumo de alcohol asociado, e moitas veces problemáticos. O alcohol é un problema moi serio en todas as idades, pola extensión e normalización do seu consumo na nosa sociedade.

«Traballamos a prevención coa xente nova e coas familias e axentes do seu entorno»

«Estamos iniciando o desenvolvemento do Plan Municipal de Prevención de Drogodependencias para o período 2018-2021, aprobado recentemente. Manteremos iniciativas que funcionan e valoraremos novas actuacións para mellorar», afirma o novo director da UMAD.

-Que novas actuacións?

-Traballamos a prevención coa xente nova e coas familias e axentes do seu entorno, e reforzaremos esta liña, para chegar a docentes, monitores deportivos e outras persoas significativas, que podan influír positivamente para trasladar mellor as mensaxes preventivas á poboación máis nova.

-Que se propoñen conseguir?

-Hai dous obxectivos principais: que o inicio do consumo nas substancias que crean dependencia sexa moito máis tarde, pois iso diminúe os riscos e as consecuencias para a saúde, xa que está comprobado que canto antes consuman peores son os efectos negativas no seu desenvolvemento e aumentan as probabilidades de que sexan máis tarde adictas; e incidir máis no entorno, con mudanzas de normativas, nas alternativas para o tempo libre, na oferta, e outras, para que o contacto coas drogas non sexa demasiado cedo.

-Un estudo da USC entre a xuventude de Santiago detectou o ano pasado riscos elevados no consumo de alcohol e outras drogas, como valoran iso?

-Os resultados dese estudo son moi valiosos. Indican a tendencia a que se igualen varóns e mulleres no consumo, a relación co uso do teléfono móbil e de Internet, o resultado da permisividade da familia, e outras. Hai moita prevención desde diferentes institucións e entidades, aínda que máis non significa sempre mellor. Debemos aproveitar ben os recursos e ser críticos para estruturar mensaxes que cheguen e sexan efectivas para a xente nova.