Silvia Pérez Freire: «A prostitución ten rostro de muller»

A tese desta investigadora e docente vén de ser premiada polo Ministerio de Igualdade como a mellor de todo o 2018 sobre a violencia de xénero


Carballo / La Voz

A tese da socióloga Silvia Pérez Freire, natural de Lamas (Zas) -a onde di volver cando menos un par de veces ao mes- acaba de ser recoñecida polo Ministerio de Igualdade como a mellor do 2018 no referido á violencia de xénero. Prolífica investigadora, dá clase na Universidade de Vigo e é doutora pola de Santiago. Durante un lustro estivo vinculada coa extinta Alecrín e, co tempo, foise especializando no referido á violencia de xénero, a prostitución e a trata sexual.

-Como recibiu o premio?

-Foi unha sorpresa cando me chamaron para contarmo, porque é un premio a nivel nacional e cónstame que se presenta moita xente. Moi contenta, a verdade.

-A trata sexual centra a súa tese. Por que este tema?

-Realmente é froito dun traballo que veño realizando dende hai moito tempo. Estou vinculada ao activismo feminista dende hai 15 anos a través da asociación Alecrín -xa extinguida-, pero digamos que ese foi o meu punto de inflexión, a través tamén da universidade... Foron proxectos que eu aglutinei e que pasaron despois a ser o meu doutorado, que fixen na USC a pesar de estar traballando na de Vigo, para poder coñecer a Juan Luis Pintos, que foi o meu codirector e a persoa da que aprendín moitísimo no marco teórico. Foi un auténtico pracer traballar con el. Finou este ano, pero seguro que estaría moi orgulloso.

-Este tema foina atrapando.

-Totalmente. Primeiro na coordinación de equipos de servizos sociais no atendemento das mulleres que están en situación de prostitución. Tamén homes, aínda que, como sabedes, a prostitución ten rostro de muller. A raíz de coñecer a tantas mulleres xurdiron preguntas que requirían dunha bagaxe teórica que eu antes non tiña. A partir de aí, cubrindo as diferentes arestas: cal é o papel da violencia sexual, o da violencia na parella, o da prostitución nestas sociedades patriarcais... Todo veu vindo só.

-Fálase de trata sexual todo o que se debería?

-Non, nin se fala nin está tendo o tratamento serio que debería por parte de ninguén. De feito, na tese presento a cosmovisión de cada un dos axentes implicados no tratamento da resposta institucional da trata sexual, e as persoas que se supón que deberían estar máis concienciadas (policías, gardas civís, xuíces, fiscais...) non o están tampouco. Que lle vamos pedir á xente de a pé, que nin sequera coñece este fenómeno. É algo que temos que ir reivindicando dende o activismo, e tamén dende os medios. Necesitamos poñer en coñecemento este fenómeno, que é unha crueldade durísima e está de par de nós. Pero tamén é unha crueldade que a prostitución sexa tomada a risa, que non se valore o dano que isto xera ás mulleres.

-Falta conciencia social.

-Creo que é froito do descoñecemento. Un exemplo moi ilustrativo: pénsase que a trata sexual se basea nesa persoa que vén enganada ao país para exercer a prostitución, cando non necesariamente ten por qué ser así, non ten por qué vir enganada, senón que hai outras circunstancias como a servidume de débeda (a maior parte veñen de países empobrecidos), da explotación ou do abuso.

-Por desgraza a violencia de xénero volve estar de actualidade. En que situación nos atopamos?

-Pois eu creo que estamos nun momento histórico, no sentido de que hai sensibilidade e que as mulleres, como ben vimos demostrando ao longo deste ano, estamos saíndo á rúa máis ca nunca dicindo «basta xa». Estamos nun punto de inflexión, e nun tempo veremos que a prostitución forma parte dese marco da violencia. O problema é: por que os homes compran sexo? Por que a sociedade lles dá a impunidade aos homes para que merquen e usen os corpos das mulleres? Aínda así, nunha sociedade igualitaria habería que poñer uns límites que pasaran pola liberdade sexual da outra persoa, que neste caso se ve comprometida. Eu confío en que, co tempo, chegue a ser considerada como outra forma máis de violencia.

-Chegaría con que todo o mundo tivese un pouco de curiosidade e interese por coñecer.

-Todo axuda, pero está claro que a curiosidade impúlsanos a manter un espírito crítico do que nos vén dado. Hai moitos mitos, e moitas frases feitas arredor da figura da puta, que expresan unha falta total de empatía por parte de toda a sociedade -pero especialmente de moitos homes- para minimizar o papel que xoga a muller nese contexto. Iso é algo que nós podemos comezar a cuestionar: por que temos que reproducir esas cousas? Ou rirnos con ese tipo de chistes?

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Silvia Pérez Freire: «A prostitución ten rostro de muller»