A Costureira, María Miramontes e Carlos Maside

Goretti Sanmartín Rei TRIBUNA

SANTIAGO CIUDAD

20 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas das actuacións con que máis me emociona contribuír desde a Área de Cultura da Deputación da Coruña son a apertura da ludoteca María Miramontes das Fontiñas e a dun espazo co relevante legado de Carlos Maside, unha colección única dunha das figuras artísticas máis poderosas da Compostela do século XX. A ludoteca María Miramontes foi promovida hai máis de dez anos pola concelleira nacionalista Elvira Cienfuegos. O seu caso lémbranos o do CEGADI, investimentos que se fan en centros para a dependencia e a conciliación e que logo fican baleiros ou tardan en poñerse en funcionamento.

A Plataforma Carlos Maside e a propia familia Maside foron as que teimaron en que 21 lenzos deste autor puidesen saír dun almacén e en que non se dividise a súa obra. E é tamén a Plataforma a que nos alerta, nesta coincidencia dos dous proxectos, sobre se se coñecerían ou non María e Carlos, Miramontes e Maside. É moito máis que probábel que así fose pois, para alén de seren persoas coetáneas, habitaron en Compostela en lugares próximos nas mesmas datas, con esa rúa do Vilar que foi daquela un dos nosos centros neurálxicos, con historia en cada pedra, participaron do ambiente nacionalista, pertenceron aos círculos culturais e traballaron pola cultura e os dereitos nacionais de Galiza. Tamén, como é lóxico, porque Maside e Casal se coñecían e un e outro partillaron faladoiros e espazos de efervescencia política e cultural.

Hai outro elemento simbólico de unión entre as dúas figuras. Entre os lenzos que provisionalmente se exporán en Fonseca, nun espazo da Universidade, institución que se une ao desexo de ver na capital do país a obra dun grande da nosa pintura, está A Costureira, de 1945. Quizais nesta figura estea unha das irmás Fandiño mais non podemos subtraernos a esa relación poderosa dunha profesión que María Miramontes manexou con virtuosismo toda a súa vida.

Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña somos conscientes de que tanto a posta en funcionamento do espazo de ocio e lecer María Miramontes como a sala expositiva dedicada a Carlos Maside eran unha necesidade para un Santiago que precisa facer unha realidade que a cultura é un dereito. En primeiro lugar, é un dereito da veciñanza de Santiago. E, por suposto, é tamén unha forma de ofrecer ao resto do mundo unha parte substancial da nosa historia, quer a través do legado pictórico quer interrogándonos sobre que representan as figuras de María Miramontes e de Carlos Maside. Subimos eses dous chanzos na idea de que, nalgún momento, a rúa do Vilar arredor da que viviron e crearon volva posuír o seu esplendor cultural con recuperación de espazos como a Sala Iago, sobre a que o BNG presentou unha iniciativa encamiñada á súa apertura.

Un orgullo pór o ramo desta maneira a un 2018 en que foron moitas as contribucións da Deputación da Coruña para fortalecer o tecido cultural no Concello de Santiago.